A exixencia dunha política da memoria para Galiza emerxe na homenaxe a Bóveda no Parlamento

87 anos despois do seu asasinato, 48 após a morte do ditador Francisco Franco e 17 tras acordar o Parlamento galego por unanimidade facerlle un acto de homenaxe, Alexandre Bóveda tivo esta cuarta feira na Cámara galega o acto institucional na súa honra e na de todas as vítimas do franquismo.
homenaje alexandre boveda parlamento-32
photo_camera O acto finalizou coa inauguración dunha escultura de Cándido Pazos na memoria das vítimas do franquismo (Foto:Arxina)

O Parlamento galego acolleu esta cuarta feira o acto institucional de homenaxe a Alexandre Bóveda e ás vítimas galegas do franquismo. "Un día no que hai que celebrar e tamén reivindicar", como manifestou Amalia Bóveda, filla do político nacionalista asasinado na Caeira (Poio) o 17 de agosto de 1936. E esas dúas palabras de Amalia, celebración e reivindicación, resumen o que foi un acto co que se dá cumprimento a un acordo parlamentario en 2021 que collía o testemuño do aprobado en 2006 por unanimidade no mesmo sentido e que non se realizou até agora. 

A homenaxe a Bóveda e ás vítimas do franquismo, na que estivo presente unha ampla e nutrida representación do movemento memorialístico galego, foi unha reclamación por parte deste a que na Galiza haxa unha política pública da memoria. Apuntábao Valentín G. Bóveda, fillo de Amalia e neto de Alexandre, momentos antes de principiar o acto de honra ao nacionalista galego: "Esta homenaxe é no Parlamento galego, que ten poder para lexislar para as vítimas, e iso vimos reivindicar aquí. Hai [cuestións] da memoria que non se cumpren e que son recomendacións da ONU".

Contra a impunidade e o esquecemento

Un audiovisual no que se recreaba o xuízo sumarísimo contra Bóveda deu inicio ao acto. Nel, e en base ao libro Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda,  de Xerardo Álvarez, escenificouse con debuxos en branco e negro como decorreu aquela vista na que o secretario de Organización do Partido Galeguista foi condenado a morte, o seu alegato de defensa —"A miña patria natural é Galiza. [...] Xamais a traizoaría, aínda que me concedesen séculos de vida"— e a fría indiferenza do tribunal.

A seguir, tomou a palabra Aurora Marco, en representación das asociacións da memoria histórica e das vítimas. Unha intervención que abriu con versos de As cicatrices, de Luís Seoane, e fechou con Reticéncias, de Carvalho Calero, para incidir na "necesidade de lembrar", de non esquecer.

A profesora e investigadora agradeceu a "unanimidade" do Parlamento galego á hora de acordar esta homenaxe. "Non esqueceremos este día, enxalzamos homes e mulleres que defenderon o lexítimo réxime republicano e democrático violentado polas armas".

Marco lamentou que as vítimas do franquismo "fosen demasiado tempo hóspedes do silencio", e instou a que o acto que se estaba a realizar "non sexa o último, non debe ser o último".

A portavoz do movemento galego pola memoria celebrou así a homenaxe para, a seguir, reivindicar, como pedía Amalia Bóveda. "Necesitamos o apoio do Goberno galego", dixo. É necesario "unha dotación de medios, crear unha rede de lugares da memoria e que San Simón volte a ser Illa da Memoria e acolla actividades de memoria histórica". É de necesidade, urxiu, "incluír no ensino materiais pedagóxicos sobre esa parte da historia recente". Unha reclamación que dirixiu ao Executivo galego, á fronte da cal está un partido cuxo presidente estatal e candidato ás eleccións do 23 de xullo, Alberto Núñez Feixoo, vén de afirmar esta mesma semana que unha das primeiras medidas que adoptará será derrogar a Lei da memoria.

A dignidade

Amalia Bóveda, emocionada mais firme, subiu ao estrado para intervir. Ás portas do acto recoñecía ante a prensa que este chegaba "tarde", mais chegaba. Foi breve —"o tempo é limitado para falar dunha persoa ilimitada"— mais clarificadora. Agradeceu a "sensibilidade" de organizar este acto de recoñecemento e reivindicou a necesidade "dunha política pública da memoria" na Galiza. "A herdanza de Bóveda leva ese compromiso", engadiu, defendendo así que na Galiza haxa algo que non existe desde 2009, cando, coa chegada do PP ao Goberno da Xunta da Galiza, se puxo fin ás políticas de memoria histórica que se desenvolveran co Executivo de coalición entre socialistas e nacionalistas.

"Guerra fratricida"

O presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, foi o encargado de fechar a quenda de intervencións. Reiterou a firme condena da Cámara "fronte á ditadura de 40 anos que mantivo sometido o noso pobo". Pediu "honra e gloria para Alexandre Bóveda e para tantos mártires da liberdade" e reivindicou a "democracia e os dereitos humanos, que foron esmagados polo alzamento militar do 18 de xullo de 1936". Mais o discurso do máximo representante do poder lexislativo tamén tivo pasaxes que semellaban non ser as máis acaidas nunha homenaxe para as vítimas e represaliadas pola ditadura franquista. 

Neste sentido, referiuse a unha "guerra fratricida", introduciu ETA ("que tanto desgarro causou até datas ben recentes"), e chamou a "non esquecer a barbarie —duns e doutros—" na guerra civil, cando na Galiza houbo un único bando a estender o terror."Louvado sexa o espírito de reconciliación: outrora, agora e sempre", concluíu. Ao finalizar o acto, todos os asistentes, entre os que había tamén unha ampla representación dos grupos parlamentarios e diversas autoridades —non foi o presidente da Xunta nin vicepresidentes, do Goberno asistiu unicamente o conselleiro de Cultura— desprazáronse até o xardín da Cámara. Alí procedeuse a inaugurar un monumento obra de Cándido Pazos e que leva por nome Concordia, Paz, Liberdade. Faltaba a palabra memoria, a que reivindicaban e demandaban boa parte dos presentes.


"É un acto necesario, de xustiza, mais non pode ser o último acto"

R  epresentantes das fundacións Castelao e Vicente Risco, entre outras, de colectivos e plataformas pola recuperación da memoria histórica, de asociacións como a Alexandre Bóveda da Coruña ou O Fardel da Memoria, de Vilagarcía de Arousa... O salón Rexurdimento do Parlamento acolleu unha nutrida presenza do movemento galego pola memoria, que non quería faltar a unha homenaxe que levaba tempo reivindicando. "Ten un valor inmenso que isto se faga no Parlamento, que representa a pluralidade do pobo galego", manifestou a Nós Diario Miguel Anxo Seixas, da Fundación Castelao.

Nesa liña, Xosé Rodríguez, da Fundación Vicente Risco, apuntou a este medio que esta homenaxe era "de xustiza", necesaria para "normalizar unha figura tan transcendente na nosa historia". Tamén Valentín García Bóveda, neto do nacionalista asasinado, puxo en valor este recoñecemento, mais apuntou que o acordo para se realizar era de 2006, 17 anos atrás.

Luís Bará, deputado do BNG e portavoz en materia de Memoria, indicaba a Nós Diario que a raíz daquel acordo —non materializado— os nacionalistas presentaron en 2021 unha proposta similar: "Foi aceptada en parte e de aí este acto de hoxe [por onte]". Mais incidiu no de "en parte", porque aquel punto da proposta que propuña institucionalizar o Día da Galiza Mártir "foi rexeitado".

Letras Galegas e Galiza Mártir

Amalia Bóveda referiuse ao Día das Letras Galegas —"un día con organización e orzamento"— como exemplo a seguir para o Día da Galiza Mártir.

Comentarios