Entrevistamos Amalia Bóveda

“Papá non morreu de enfermidade, foi fusilado polas súas ideas e por Galiza”

Aos seus 80 anos, Amalia desborda vitalidade. Tanta, que nada máis despedirnos marcha á casa de Ratel (Forcarei) para ver a horta, “as patacas que plantei quedáronme moi pequenas porque non lles quitei as herbas”, sinala. Esa mesma vitalidade lévaa a participar cada 17 de agosto, día do fusilamento de seu pai, Alexandre Bóveda, na Caeira, nos actos de conmemoración do Día da Galiza Mártir. Aquel 17 de agosto de 1936, Amalia Álvarez Gallego, a súa nai, levábaa no ventre. Eis un extracto da entrevista publicada no Sermos Galiza 259.

[Imaxe: Cedida] Amalia Bóveda
photo_camera [Imaxe: Cedida] Amalia Bóveda

3O valor dun colo, ou dun bico. Non somos conscientes até que damos con mulleres como Amalia Bóveda Álvarez, quen chegou a fotografarse co seu pai no grupo escultórico da pontevedresa praza de San Xosé. “Vou a clase de palillos alí polo Café Moderno e cando estaban as figuras de cartón pedra, sempre ía onde a escultura de meu pai para darlle un bico. Tamén cheguei a pedirlle a unha compañeira que me tirase unha fotografía sentada ao seu carón, xa que non puiden estar no seu colo de nena...”. Amalia recupera para Sermos Galiza as lembranzas sobre Alexandre Bóveda.

En que situación quedou a súa familia após o fusilamento de seu pai?

Nunha situación bastante mala, porque ela quedaba con catro fillos e preñada, e non tiña nin viuvez nin nada. Non lla recoñeceron até moitísimos anos despois. Entón, a familia de meu pai, malia que eles eran traballadores e non tiñan moito recurso económico, aínda axudaba o que podía, porque non había máis. Os pais de miña nai tamén axudaron todo o que puideron. Cando miña nai acabou Maxisterio, púxose a dar clases nun baixo, onde agora hai unha tenda, e sempre que paso por alí lémbroa dando clase. Eu debía de ter catro ou cinco anos. Despois ela aprobou a oposición de Facenda e marchou para Cádiz destinada. Deuse a coincidencia de que meu pai, cando foi deportado, estivo Cádiz e alí lembraban o meu pai con todo o cariño, dicían que era unha belísima persoa. Miña nai deixou alí grandes amigas, aínda fomos ela e mais eu a casa delas a pasar unha temporada.

Como levou súa nai a dedicación política de Bóveda?

Foi moi duro. Moitas veces, ela renegaba da política porque quedou sen el e dicía que a política o único que lle fixera ao meu pai era quitarlle a saúde e non poder vivir cos fillos. De todas as maneiras, tamén o apoiaba, e axudouno bastante. Dicía que o único vicio que el tiña era a política. Comungaba moito coas súas ideas, pero nunca quixo que nos metésemos nós en política. Unha vez eu quería presentarme polo Partido Galeguista e díxome diante de meu fillo, que era pequeno, “non sei por que queres meterte en política co mal que nos foi a nós”. Díxenlle que agora era distinto. E meu fillo, Valentín, mirou para a miña nai e díxolle: “Baba –que lle chamaba así á avoa–, entón de que nos serve o sangue que levamos?” Era un cativiño, cativiño. Sempre foi un amor.

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 259, no especial sobre o Día da Galiza Mártir, á venda na loxa e nos quiosques habituais]

Comentarios