Contracultura

Diniz F. Cabreira, Companha Editora: "O Reino da Galiza foi un ben prezado a nivel xeopolítico en Europa"

Companha Editora publica a obra traducida por Henrique Harguindey Crónica da Galiza. A Guerra dos Cen Anos no occidente peninsular segundo Jean Froissart, un relato histórico que explica un período pouco coñecido do pasado galego e que chega cunha oferta exclusiva para as subscritoras e os subscritores de Nós Diario: poderase adquirir polo prezo de 9 euros ao incluír un desconto especial de 40%, solicitándoo até 15 de decembro. Un dos responsábeis da editorial, Diniz F. Cabreira, explica esta iniciativa.
Diniz F. Cabreira diante da cooperativa Sacauntos. (Foto: Nós Diario)
Diniz F. Cabreira diante da cooperativa Sacauntos. (Foto: Nós Diario)

—Que é Companha Editora?
É un selo da cooperativa gráfica Sacauntos, unha iniciativa de artes gráficas especializada, sobre todo, no mundo editorial. Temos un selo denominado Urco Editora que está especializado en fantasía, ciencia ficción e terror, mais queriamos outro máis xeralista onde publicar a demanda. Cada vez hai máis autores e autoras que buscan publicar pola súa conta, xestionar elas todo o que é o proceso editorial, mais que precisan unha infraestrutura. Nós, desde a experiencia que temos dámoslla con bastante solvencia. Tamén para publicar outros proxectos de tipo histórico interesantes, como esta tradución de Henrique Harguindey.

—Como definiría este traballo de Henrique Harguindey?
Harguindey é o decano da tradución galega, o gran referente da nosa tradición tradutora. Obviamente houbo moita outra xente traducindo antes que el, mais o seu traballo é enorme, ten moita experiencia, especialmente, traducindo material de carácter medieval. Por exemplo a tradución de Historia do nobre Ponto, que foi rei de Galiza e de Bretaña, publicada en Rinoceronte, onde se contextualiza culturalmente a Galiza medieval. 

Na obra que agora sacamos faino coas Crónicas de Froissart. Jean de Froissart era un cronista de finais do século XIV e principios do século XV que foi unha das principais fontes para documentar a Guerra dos cen anos. Foi un gran conflito entre as familias nobres de Plantagenet e Valois que se disputan quen ten máis poder no continente europeo nese momento.

Nun lado e noutro da contenda hai actores en Francia e nas Illas Británicas, así como tamén na península Ibérica, apoiando un e outro bando. Son unha serie de conflitos un pouco catárquicos, cunha temática común, que duran moito tempo, mais con algúns períodos de paz e nun deles fai que a acción se traslade á península Ibérica.

—Como se relaciona ese conflito coa Galiza?
Aquí o conflito é cal será o modelo, se máis centralista, máis mediterráneo ou máis atlantista en alianza con Portugal. Hai un conflito das nobrezas ibéricas onde unha parte importante da nobreza galega do momento, liderada polos Castro, os condes de Lemos, idean unha ofensiva ao poder da coroa da Galiza, León e Castela que nesa altura estaba na casa de Borgoña.

Alguén podería dicir que é un conflito máis das coroas peninsulares, pero adquire unha dimensión internacional importante cando involucra as forzas ociosas da Guerra dos cen anos. Nese contexto, Xoán de Gante -duque de Lancaster e fillo do rei Eduardo III de Inglaterra- aspira a conseguir o control do reino galego xunto con outros peninsulares grazas, como é obvio, a ter casado con Constanza de Inglaterra, filla e lexítima sucesora de Pedro I. 

É importantísimo a nivel histórico e a nivel simbólico. Coloca o Reino da Galiza nunha posición xeopolítica no que é o final da Idade Media moi distinta á que nos imaxinamos. Convérteo nun ben prezado polo que están dispostos a levar unha expedición militar desde as Illas Británicas para que se converta nun reino completamente autónomo e gobernado por unha dinastía diferente. É unha época moi interesante na que se produce, posibelmente, a última gran catarse da nobreza galega na historia.

Comentarios