A Crónica da Galiza no século XIV da man de Jean Froissart e Henrique Harguindey

Henrique Harguindey compaxina o seu labor investigador coa tradución ao galego de numerosos textos das literaturas francesa, bretoa, valoa ou doutras latitudes que son, abofé, de grande proveito para os que gustan das humanidades ou de coñecer o concepto que da Galiza se tiña alén dos Pireneos.

Toma de Ourense (Manuscrito das Crónicas de Froissart, Bruxas 2ª metade do século XV).
Toma de Ourense (Manuscrito das Crónicas de Froissart, Bruxas 2ª metade do século XV).

Un libro único cunha oferta exclusiva para as subscritoras de 'Nós Diario'

Publicada por Companha Editora nun cómodo formato e a toda cor, nesta crónica advertirá a persoa lectora diversos pormenores dun relato histórico bastante descoñecido para o noso país, o de Xoán de Gante e a súa dona Constanza de Castela, matrimonio que buscou acadar o trono galego. Pero tamén constará a importancia dos viños do reino e o protagonismo imperante do noso idioma internacional, falado outrosí no país luso, e que coñecía tanto a citada infanta como varios intérpretes do seu séquito, entre eles un heraldo chamado Coímbra, "pertencente á casa do rei", e un inglés que "entendía ben a lingua galega".

Galiza, un reino con fama internacional e degoxado por diversas coroas europeas.

Esta obra, froito do labor incansábel do seu tradutor, bebe das fontes primarias dun dos principais cronistas de guerra da Baixa Idade Media, Jean Froissart. E así descubrimos na Crónica da Galiza no século XIV, xa que logo, un reino con fama internacional e degoxado por diversas coroas europeas, entre as que estaban as de Inglaterra e Portugal, amais da de Castela.

Poderase adquirir polo prezo de 9 euros ao incluír un desconto especial de 40% –sobre un PVP de 15 euros– para todas aquelas persoas subscritoras de Nós Diario. Estas deberán enviar un correo electrónico a subscricion@nosdiario.gal achegando os seus datos persoais xunto co teléfono de contacto. Porén, esta promoción, unicamente válida para a península Ibérica, ten como data límite o 15 de decembro deste ano. Velaquí un título co que debemos completar as nosas bibliotecas particulares, as dos nosos concellos e as dos centros de ensino do país.

A Crónica da Galiza no século XIV

Henrique Harguindey tráenos desta volta unha obra que deu en titular Crónica da Galiza no século XIV, versión ao galego das coñecidas Chroniques do autor flamengo-borgoñón Jean Froissart; personaxe cuxa biografía se circunscribe en boa parte á época na que ten lugar a Guerra dos Cen Anos. Froissart redacta a súa obra entre 1371 e 1400, polo que será espectador de moitos dos acontecementos históricos e políticos vinculados a esa empezoñada contenda bélica como doutros sucesos de importancia para varios territorios europeos, nomeadamente: Bretaña, Borgoña, Francia, Portugal, Inglaterra, Galiza...

A cerna deste proxecto cínguese, sobre todo, ao terceiro dos catro libros do cronista nado en Valenciennes en 1337, pois nese volume relátanse varios episodios acontecidos na Galiza entre 1386 e 1387, cando Xoán de Gante –duque de Lancaster e fillo do rei Eduardo III de Inglaterra– aspira conseguir o control do reino galego xunto con outros peninsulares grazas, como é obvio, a ter casado con Constanza de Castela, filla e lexítima sucesora de Pedro I. Do xeito que achega o prologuista desta Crónica da Galiza, o historiador Anselmo López Carreira, "a intervención inglesa en Galicia era solicitada polos amplos sectores nobiliarios e cidadáns sustentadores da lexitimidade de Pedro I contra Henrique II de Trastámara". E isto hai que entendelo dentro do contexto da configuración dunha "alianza anglo-portuguesa", ganduxada outrora por Fernán Ruiz de Castro, o seu irmán Álvaro Pérez de Castro e o embaixador portugués en Inglaterra, nado na Coruña, Xoán Fernández de Andeiro.

Resulta clarificador o texto de López Carreira, así como todas aquelas explicacións e notas a rodapé que introduce o tradutor con moito acerto. E aínda que autores como Fernando Fulgosio, Manuel Murguía, Emilio González López, Xosé Ramón Estévez e Paulo Nogueira, entre outros, teñan mergullado na obra de Froissart, a peza que nos trae Henrique Harguindey presenta unha tradución rigorosa e analizada en detalle, valéndose da transcrición efectuada por Kervyn de Lettenhove –Œuvres de Froissart. Chroniques– entre 1867 e 1877.

Verter ao galego fontes primarias que nos sexan útiles para interpretar a nosa historia é un xesto de xenerosidade.

Do citado libro terceiro existen copias distribuídas por distintas bibliotecas, arquivos e museos de todo o mundo. Anveres, Berlín, Berna, Besançon, Bruxelas, Cambridge, Hannover, Londres, Los Ángeles, Mons, París, Rouen e Torino son varios dos lugares en cuxas institucións respectivas se custodian tales códices, obras iluminadas con mestría e nas que se reflicte a realidade socio-política e idiomática do reino da Galiza. Por outra banda, Harguindey incorpora non só os necesarios apuntamentos bio-bliográficos sobre Froissart e os criterios adoptados para verter a obra ao galego, senón que incluso alerta daqueles erros e imprecisións que diversos particulares teñen divulgado ao tratar os episodios acontecidos na Galiza co duque de Lancaster. Fai fincapé, sobre todo, en topónimos como Besances, decote identificado con Betanzos, aínda que se debería recoñecer co lugar de Bragança, a antiga Flavia Brigantia da época romana.

Harguindey, alén de todas estas necesarias explicacións coas que nos fornece, entrega un apartado introdutorio de suma importancia, a "Dimensión Europea de Galiza", no que resalta o feito das peregrinacións a Compostela. Velaí que Froissart deixe "constancia da viaxe de varios nobres como Jean de Mauny, Jean de Werchin ou a condesa de Biscaia" por motivos relixiosos; porén houbo cabaleiros que cruzaban os Pireneos ou o Atlántico por cuestións vinculadas coas armas, tal sucedeu con Thierry de Robersart ou o escocés William Douglas.

Entre outras cuestións, na análise que efectúa o tradutor tamén se menciona aquela suposta promesa de Pedro I de facer rei da Galiza o príncipe de Gales se este o axudase a recuperar o trono, matizando a incorrecta interpretación –que non lectura– do historiador Siméon Luce. Este colixira que o ía facer rei de Castela, emendando así o que se plasmaba nos propios manuscritos e falseando a realidade política daquel entón. Con independencia das desatinadas deducións de determinados editores, o tradutor non se resigna en apercibirnos de confusións e erros existentes incluso nas mesmas crónicas, plasmados por conseguinte nos respectivos códices. Asemade, conclúe que cando Froissart redacta a súa obra colabora co espallamento por Europa da existencia dun rei ou príncipe da Galiza; o que ha provocar no solpor dese século (o XIV), que cando un anónimo autor redacte Le roman de Ponthus et Sidoine enxergue que o personaxe principal –o propio Ponthus–, cúmulo de numerosas virtudes, debería conseguir ser rei da Galiza e da Bretaña, patria da súa amada.

Temos con esta obra –outrora divulgada polo mesmo tradutor en formato dixital desde o seu blog Palabras desconxeladas– unha peza de enorme utilidade para a revisión da historia galega, esa verificación pausada e crítica que hai ben anos iniciara o mesmo prologuista deste libro, Anselmo López Carreira. Velaquí unha peza máis de Henrique Harguindey coa que, como é costume nel, nos adoita agasallar desde o rigor, a largueza, a intuición e a profesionalidade. Verter ao galego fontes primarias que nos sexan útiles para interpretar a nosa historia tamén resulta ser un xesto de xenerosidade e compromiso patrio.

 

Comentarios