Henrique Harguindey: “Aínda en 1400 Richard de Pont Cardon, mariscal de Aquitania, lembrará que o rei de Inglaterra era por dereito rei de Galiza”

Cunha manchea de libros publicados e outra en colaboración coa súa muller Maruxa Barrio, Henrique Harguindey Banet destaca sobre todo na súa faceta de tradutor, pois verteu ao galego non menos de catro ducias de obras belgas, bretoas, francesas, do Líbano, Suíza e Romanía. Incluso se ten mergullado na tradución de Banda Deseñada en colaboración co seu fillo Breixo. Velaí varios volumes d'As Aventuras de Tintín. Desta volta, inmiscido na historia galega do século XIV, entréganos desde Companha Editora unhas Chroniques de Froissart no idioma que nos é propio.
Henrique Harguindey. (Foto: Nós Diario)
Henrique Harguindey. (Foto: Nós Diario)

—Leva toda unha vida dedicada ao ensino da lingua francesa, e entendo que á súa literatura, mais o seu obxectivo tamén se enfocou na divulgación desde o ensaio e a tradución. Verter ao idioma de noso cun obxectivo de crear, ademais, conciencia de país?
Ao rematar o bacharelato, escollín unha carreira, dirixinme a filoloxía románica, sección de francés. A súa saída principal era o ensino desa lingua na educación secundaria, o que a min me atraía e me motivaba. Foi despois –ao completar a formación en literatura, historia e dialectoloxía francesa– cando me dediquei por sistema á tradución, fundamentalmente das principais obras das súas letras, ao tempo que dirixía tamén ese labor cara a época medieval. Como é natural, se eu estaba sensibilizado coa creación dunha conciencia nacional e coa normalización do galego, resulta lóxico que os meus traballos se dirixisen á socialización deste obxectivo.

—Así como Vicente Almazán, coa súa Gallaecia Scandinavica, foi pioneiro na pescuda de referencias galegas nas sagas nórdicas e outros textos, vostede, desde La Galice: dez séculos de olladas francesas, éo no que atinxe á literatura gala. Queda aínda universo histórico-literario por descubrir e co que nos emocionar?
Entendo moi posible que aparezan máis textos con mencións á nosa terra. Con toda seguridade, investigadoras e investigadores irán exhumando outras fontes de diferentes ámbitos culturais. Como anécdota próxima, podemos lembrar o dicionario xaponés-galego de Takekazu Asaka.

—O ano pasado saíu desde o tórculo de Laiovento a súa tradución sobre O raposo Renarte e o lobo Grisengrin... Que relación ten esta obra con Galiza?
A maiores das alusións directas ao camiño de Compostela ou ao Apóstolo, hai outras indirectas como unha que tamén aparece na Chanson de Roland. Polo demais, a presenza do raposo e o lobo en aventuras moi semellantes ás de Renarte e Grisengrín son constantes na nosa literatura popular.

—Eu realmente comecei a coñecer a súa obra desde a editorial Laiovento. Que supuxo para vostede Francisco Pillado Maior?
Tiven a gran sorte de ter dous amigos excepcionais, pouco maiores ca min, que foron Manuel Lourenzo e Francisco Pillado, persoas de gran formación e dunha intelixencia extraordinaria. Eles abríronme a porta á tradución, fornecéndome contactos con grupos, festivais e publicacións teatrais. Afortunadamente mantiven sempre esa amizade. Pillado estimuloume a publicar as miñas traducións en Laiovento, editora na que tanto tivo que ver, equiparable a proxectos e realidades como os catálogos de Leandro Carré ou Anxo Casal. Naturalmente, estas cousas supoñen un traballo de equipo, no que tiveron importancia fundamental Xosé Manuel Beiras, Afonso Ribas, Xesús Couceiro e Pepe Carreiro, entre outros.

—Desde hai tempo sempre lanzo unha afirmación: A historiografía española esqueceu –á mantenta– a realidade galega pero Europa non actuou así. Non cre que nas crónicas europeas, nos antigos códices e pergamiños medievais de moitos países como Francia, Inglaterra ou Escocia hai unha Galiza diferente que cómpre recuperar?
Certamente existe unha maior independencia na historiografía europea en canto ás nacións periféricas da península Ibérica, ao non estar suxeitas á interferencia ideolóxica do centralismo menéndez-pidalista. Iso non obsta para que tamén existan tendencias centralistas e etnocentristas noutros países da Europa como Francia. Así, por exemplo, Dufournet  traduce a frase "en latin et en roman" por "en latín e en francés", cando realmente "roman" refírese a calquera das variedades dialectais do latín que xerarían as futuras linguas románicas europeas.

—E nese labor revisionista ten moito bourado o profesor Anselmo López Carreira.
Sen dúbida, a súa tarefa historiográfica resulta fundacional, por exemplo, en canto ao Reino Medieval de Galicia, que tanto precisamos reivindicar. Pero non só neste punto, tamén ten publicado ensaios sobre historia local da vila de Cangas ou da cidade de Ourense: a súa figura preséntase como a dun historiador maior do noso país.

—Aparece agora como Crónica da Galiza no século XIV unha longa escolma das crónicas de Froissart referidas ao noso país: tanta importancia teñen para ocuparen un tomo específico?
Efectivamente, se o conxunto das crónicas deste historiador é en por el xa voluminoso, o espazo que lle dedica a Galiza no acontecer europeo do século XIV resulta grande pois –alén da coñecida presenza internacional de Compostela e do seu camiño e por riba de acontecementos puntuais– hai dous momentos sobre os que Froissart coloca o foco: o primeiro, o destronamento de Pedro o Cruel de Castela polo seu irmán bastardo Henrique; e o segundo, a posterior invasión de Galiza polo duque de Lancaster en reclamación da lexitimidade petrista ao estar casado con Constanza, filla de Pedro. O relato de Froissart é minucioso e moi interesante. E o momento histórico foi decisivo na configuración do noso país.

—Até unha época recente predominaba unha visión distinta dese tempo no que atinxe ao noso país...
O papel de Galiza no século XIV foi minusvalorado e deturpado pola historiografía española polo que as novas xeracións de historiadoras e historiadores galegos acudiron a outras fontes e outras perspectivas restabelecendo a realidade, a de que Galiza –mesmo non sendo un territorio independente– constituía unha peza importante en negociacións sobre a recomposición europea. Que Pedro I ofreza en xullo de 1366 o trono de rei de Galiza a Eduardo de Woodstock, príncipe de Gales e herdeiro do de Inglaterra, se este lle axuda a recuperar o de Castela, resulta dunha clareza meridiana.

—Mais ao final frustrouse tal empresa...
Si, a intervención de Francia –dirixida por Bertrand du Guesclin– acabou coa vida de Pedro e a proposta formal que Froissart cita en distintas ocasións. Unha proposta impactante pois aínda en 1400 Richard de Pont Cardon, mariscal de Aquitania, lembrará que o rei de Inglaterra era por dereito rei de Galiza.

—E haberá que agardar algúns anos a que o Reino de Inglaterra retome a reivindicación dos seus dereitos dinásticos?
Certo, e agora son os dereitos sucesorios ao trono de Castela. Despois dun espectacular desembarco na Coruña o 25 de xullo de 1386, o exército británico, reforzado con exiliados galegos na Inglaterra, vai conquistando o país, mais, ao final, a dilatada espera e a peste obrigarán a pactar co rei de Castela e renunciar aos dereitos ao casaren os herdeiros das dúas partes: a filla dos duques de Lancaster, Catarina –neta de Pedro I, logo– e Henrique –fillo de Xoán I de Castela, coñecido máis tarde como Enrique el Doliente, neto do espurio de Henrique
de Trastámara. Pechouse así o conflito.

—A maiores do relato dos acontecementos diplomáticos e guerreiros do día a día aparecen tamén nas Crónicas de Froissart detalles que colorean a narración, cargándoa de naturalidade e realismo.
Vista cunha distancia de séculos, resulta graciosa a anotación do impacto da gastronomía galega sobre os ingleses, que os máis dos días se deitaban totalmente bébedos ao non estaren afeitos a viños tan fortes coma os nosos. A forte calor e o estrago etílico retrasan as operacións e ataques dos británicos. Son moi xenerosas en detalles as descricións das xestións e cerimoniais nos que se acorda o casamento de Filipa, filla máis vella de Láncaster, co rei de Portugal João I. Tamén as do banquete que organizan os dous reis na Ponte do Mouro, en Llonção, e mais o casamento no Porto, por certo, celebrado por poderes. E en distintos momentos Froissart apunta a consciencia común de galegos e portugueses ao compartiren a mesma área lingüística e o mesmo país.

—Gustei, particularmente, desas referencias ao galego; tanto que me pareceu fantástico que Constanza de Castela, muller de Xoán de Gante, se expresase con fluidez no noso idioma e que no seu séquito houbese intérpretes e persoas que tamén o coñecesen.
Constanza era filla de Pedro I, neta de María de Portugal, e tivo moito vínculo coa nosa terra. Estivo achantada na Coruña durante o ano 1366. Despois de casar co Duque de Lancaster, toda unha corrente de galegos lexitimistas como Xoán Fernández Andeiro frecuentárona na súa corte de Londres. De aí as aparicións de "galegos de Inglaterra" que apuntan as Crónicas de Froissart. Por outra banda, ela empregaba con naturalidade o galego na
súa relación cos naturais do país, que entendía como unha soa área lingüística.

—Non sempre as palabras de Froissart foron reproducidas de xeito correcto...
En efecto, e non só como froito desa visión españolista da que falabamos hai un intre, senón do simple desleixo intelectual. Por exemplo, unha edición de prestixio como a de Siméon Luce –avalada pola Société d'Histoire de France– fala en 1876 da promesa de Pedro I ao príncipe de Gales de facelo rei de Castela e non de Galiza. E no tomo XIII da mesma edición (1957) Léon e Albert Miret poñen en boca de Froissart "la derniére ville de Castille devers le Portugal" [a última vila de Castela que dá paso a Portugal] ao situar Besances, cando o historiador fala de "la derraine bonne ville de Galice au lez vers le Portingal" [a derradeira boa vila de Galiza cara a Portugal]. Naturalmente, hai niso tamén un peso da visión centralista francesa.

—Como acontece noutros territorios europeos, diciamos que a presenza de Galiza na literatura medieval francesa era bastante habitual. Poderíanos fornecer con algún outro exemplo?
Si, e non se trata só das alusións ao Camiño de Santiago ou as invocacións ao santo da Galiza que encabezan a presenza do noso país no mundo, senón doutros aspectos máis descoñecidos como o comercio entre Galiza e Francia. Así, nunha rápida lembranza citaremos obras como a Canción de Roldán ou a tamén épica Canción de Guillerme de Orange, diversos fabliaux (contos satíricos do século XII-XIV) e farsas e textos teatrais e poéticos... Ten presenza asemade tanto no Roman de Renart, coa localización de acontecementos na nosa terra, como en Floris e Brancaflor etc.

Esta última obra comeza así: "Escoitai ben, todas cantas persoas amantes sofren coitas de amor! Cabaleiros e doncelas, nobres mociños e mociñas! Se pondes atención no meu relato habedes aprender nel moito
de amores. Fala do noviño rei Floris e da valiosa Brancaflor. Partira de España un rei acompañado por moita cabalaría, e, ao que o seu navío cruzou o mar, chegou a Galiza".

—En certo xeito poderíamos considerar que o famoso Roman de Ponthus et Sidoine posúe un substrato nutricio, non digo documental pero si de influencia, na historia relatada por Froissart sobre Xoán de Gante?
Dentro deste clima no que Galiza soa como país en toda Europa –a finais do século XIV ou comezos do XV–, resulta comprensible que o autor anónimo da Historia de Ponto pense nun protagonista galego como prototipo de príncipe para todo o continente e, a maiores, no seu curmán Polido como rei de Inglaterra.

—Sería un pouco ousado considerar o citado "roman", no que Ponthus loita polo amor da súa namorada Sidoine, como un verdadeiro "best-seller" (acépteseme o anglicismo) da Baixa Idade Media europea?
En efecto, o Roman de Ponthus foi rapidamente traducido a moitas linguas europeas e transmitido como "espello de príncipes". Mais non é o único caso, porque Floris e Brancaflor tamén tivo unha gran difusión partindo a súa trama de Galiza e vencella á nai de Carlomagno, "Berta a dos grandes pés", como filla da parella protagonista.

—E desa retroalimentación literaria Europa-Galiza e Galiza-Europa batemos no século XX coa mesma Berta do Grande Pé de Xosé Luís Méndez Ferrín, daquel Con Pólvora e Magnolias, ou a da Balada de las Damas de Antaño de Álvaro Cunqueiro...
Efectivamente.

Comentarios