O castelo de Naraío comezou a construírse dous séculos antes do que se pensaba

Investigadores da Universidade da Coruña descobren a partir dos morteiros na unión da pedra que a fortaleza de San Sadurniño empezou a edificarse no século XII e non no XIV, como estaba confirmado até o de agora.

Unha parte dos restos do castelo de Naraío. (Foto: Concello de San Sadurniño)
photo_camera Unha parte dos restos do castelo de Naraío. (Foto: Concello de San Sadurniño)

O propio Concello de San Sadurniño o recoñece: “As orixes do castelo de Naraío son un misterio”. Porén, a investigación vai fornecendo algunhas pistas sobre cando se levantou esta fortaleza xunto ao río Castro. Se até o de agora datábase o inicio da construción no século XIV, un estudo da Universidade da Coruña revelou que as primeiras pedras foron colocadas no século XII.

Con apenas documentación máis aló dun papel xudicial de 1377 que fala do “Pleito Tabera-Fonseca” sobre a segunda Revolución Irmandiña, a última intervención arqueolóxica axuda a situar mellor no tempo a fortificación.

Fontes do goberno municipal consideran que este achado comunicado polo director das catas realizadas entre finais de 2019 e principios do ano pasado, Francisco Alonso, abre “un novo capítulo sobre cal era a función antes da irrupción da estirpe de Andrade” e, ao tempo, volve deixar misterios sen resolver.

Ademais de dar coa antigüidade da estrutura a través do morteiro que se empregou para unir as pedras, as e os investigadores recolleron na zona restos de cerámica, metal e outros elementos que analizaron coa técnica do Carbono-14 para situalos en “datacións relativas correspondentes ás guerras irmandiñas” e confirmar parte da historia que xa se sabía. Tamén se fixo un estudo coa novidosa Luminiscencia Opticamente Estimulada, medindo así a radiación das pezas.

Tíñase escrito sobre a construción en distintas fases e “os propios paramentos fálannos de que é así”. “Vese claramente que hai un primeiro recinto máis pequeno, e outro máis grande que amplía as dependencias. O castelo foi algo dinámico que cambiou durante os séculos", indica Francisco Alonso.

E a investigación tamén o vai ser porque, ao parecer do director do proxecto, situarse no románico - "un dos períodos máis dinámicos en Galicia e momento no que Galicia é un dos territorios máis dinámicos da Península Ibérica". “Cambia por completo a concepción que debemos ter da fortaleza”, reflexiona.

“Naraío é un castelo único e un pouco extrano pola localización que ten. Sempre se encadrou nunha época baixomedieval, no contexto das loitas entre nobres e das loitas irmandiñas, pero estamos vendo que se construíu moito antes e debemos estudalo dentro da lóxica do século XII, investigar a que respondía este castelo”, subliña.

Comentarios