A defensa do patrimonio natural galego fai 50 anos co foco no cambio da paisaxe

Membros do GOC na conmemoración dos seus 50 anos esta fin de semana no Courel. Á dereita, tamén no Courel, en 1973 (Foto: SGHN).
Seoane do Courel (Folgoso, comarca de Quiroga) foi testemuña da primeira saída colectiva do Grupo Ornitolóxico Galego en 1973, un destino natural ao que sumaría outros moitos durante tres anos; antes de continuar o seu labor de estudo, defensa e divulgación do patrimonio natural galego como Sociedade Galega de Historia Natural. 

Após 50 anos, o Grupo Ornitolóxico Galego (GOG) volveuse xuntar no Courel. Foi o precursor da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), unha iniciativa dun grupo de rapazas e rapaces universitarios, estudantes de Bioloxía e Maxisterio da USC no ano 1973, que fixeron do seu gusto pola natureza un proxecto sólido apegado ao patrimonio natural da Galiza.

O seu primeiro propósito, restrinxido inicialmente á observación de aves, axiña se estendeu a outros moitos ámbitos de coñecemento e reflexión. "De feito, xa se falaba nos seus estatutos de máis cousas que de paxaros. Ficaba claro que interesaban as especies pero tamén os espazos".

Xosé Manuel Penas Patiño, primeiro presidente do GOG, naturalista e divulgador, lembra en conversa con Nós Diario as primeiras xuntanzas do colectivo. "As reunións aínda eran ilegais naquela altura, o que nos levaba case sempre a un apartado dalgún bar". Deses encontros saíu a decisión de se constituír como unha asociación legalmente recoñecida. "Naquel momento non era fácil, máis tiñamos a convicción de que valía a pena".

No mesmo ano 1973 lograron a aprobación do Goberno Civil e durante tres anos funcionaron como Grupo Ornitolóxico Galego. "Vimos que había moito que estudar e moito que coñecer na Galiza, a nivel académico mais tamén popular". Aí comezou a medrar o seu interese por "todo o que era natureza", desde os anfibios até os cogomelos, pasando por aqueles espazos máis representativos aos que había que achegarse para ver en que situación estaban.

Precursores

A primeira gran saída que fixeron, dunha semana, foi ao Courel, un dos espazos naturais máis coñecidos da Galiza ao que axiña sumarían outros destinos: Corrubedo, as Cíes, Pena Trevinca, a serra do Xurés, Cortegada, a lagoa de Valdoviño, o Invernadoiro, Ribadeo, a desembocadura do Miño. "Hoxe moitos son lugares protexidos e creo que en gran parte foi debido ao noso traballo", apunta Penas Patiño. 

Desde o GOG entraron de cheo no medio natural, a coñecer e a debater sobre cuestións que seguen a dar que falar na actualidade. Foron pioneiros no estudo dos cetáceos e no seu seguimento, hoxe en voga grazas ás candorcas. "Xa daquela falabamos de que a pita do monte estaba en perigo, hoxe xa non existe na Galiza; de que se destruían bosques autóctonos; de que a industrialización se facía de forma indiscriminada, que é o que se ve agora cos aeroxeradores; falabamos das mareas negras e tras o Polycomander chegou o Urquiola, o Casón, o Mar Exeo, o Prestige... Xa entón se intuían unha serie de problemas que seguen enriba da mesa".

É por iso que no seu 50 aniversario, o Grupo Ornitolóxico Galego volveu a Seoane do Courel, para observar de novo a paisaxe que andaron por primeira vez en 1973, dar conta das mudanzas e pór en perspectiva os principais desafíos en materia medioambiental.

"A veciñanza recibiunos con moita curiosidade e algunha reserva, pero ao mesmo tempo cos brazos abertos", lembra Penas Patiño. Para aquela xente, o noso interese polos nomes da fauna e da flora, por observalo todo e rexistrar cada resposta que nos daban era chocante".

50 anos despois

Hoxe, observa Penas Patiño, O Courel, ao igual que outros destinos naturais da Galiza, "está mais pisado". "Hai moitas máis pistas que dan acceso a recunchos antes inexplorados e que deberan seguir así, silvestres". Pero as repoboacións forestais e o asedio eólico xogan en contra desa protección. "A mesma viaxe ao Courel é proba do cambio nestes 50 anos. A cantidade de insectos que baten contra o parabrisas do coche é moito menor. En moitos sitios xa non hai grilos, non hai bolboretas. E iso que non é beneficioso para tantas especies tampouco o é para nós". A natureza, conclúe, hai tempo que vén avisando de que "as cousas non marchan por onde deberan ir". Tamén a Sociedade Galega de Historia Natural, herdeira do GOG e dos seus obxectivos desde 1975.