O Congreso homenaxea as últimas vítimas do franquismo, coa ausencia de PP e Vox

Francina Armengol, este 30 de outubro no Congreso. (Foto: Europa Press)

Recoñecemento a Xosé Humberto Baena e José Luis Sánchez Bravo, membros do FRAP fusilados xunto con Ramón García Sanz, tamén do FRAP, e con Juan Paredes Manot, 'Txiki', e Ángel Otaegui, militantes de ETA político-militar.

O Congreso dos Deputados acolleu esta quinta feira unha conmemoración con motivo do Día de lembranza e homenaxe ás vítimas do golpe de Estado, da guerra e da ditadura franquista, nun acto no que destacou a ausencia de PP e Vox.

A presidenta da Cámara Baixa, Francina Armengol, apelou á necesidade de "seguir desenterrando a verdade", advertindo do aumento de mozos e mozas que consideran preferíbel vivir nunha ditadura que nunha democracia (17% da mocidade, segundo o CIS). Así, Armengol recoñeceu que "aínda hai materias pendentes", entre elas a educación das novas xeracións.

Na homenaxe estiveron presentes Esperanza Martínez García e Francisco Martínez López, dous dos últimos superviventes da guerrilla antifranquista. Tamén asistiron familiares dos homenaxeados, Xosé Humberto Baena e José Luis Sánchez Bravo, membros do FRAP fusilados aquel día xunto con Ramón García Sanz, tamén do FRAP, e con Juan Paredes Manot, 'Txiki', e Ángel Otaegui, militantes de ETA político-militar.

"Non imos converter en heroes cinco terroristas"

Ao acto acudiron representantes de todas as formacións agás de Vox e PP, cuxa portavoz parlamentaria, Ester Muñoz, desmerecía hai uns días a homenaxe dicindo que "poden ser consideradas vítimas do réxime" pero non "heroes que merezan un recoñecemento". "Polo tanto, o PP non vai converter en heroes cinco terroristas", concluíu a deputada.

Os populares xa se ausentaran tamén na conmemoración do ano pasado. En cambio, estiveron presentes o secretario de Estado de Relacións coas Cortes, Rafael Simancas, a portavoz do PNV, Maribel Vaquero, o deputado de EH Bildu, Jon Iñarritu, e o portavoz do BNG, Néstor Rego, entre outros representantes políticos.

Armengol lamentou que aínda haxa quen pida "silencio" para non falar do pasado: "Como se pode pedir silencio se aínda queda tanto por dicir?", preguntou a presidenta, lembrando que aínda restan por recuperar os restos de arredor de 11.000 persoas fusiladas.

Armengol defendeu un compromiso firme "coa verdade, coa xustiza, coa reparación e co deber de memoria como garantía de non repetición".

Os últimos fusilados do franquismo

Tras o discurso da presidenta decorreu un coloquio entre a escritora Aroa Moreno, autora da novela Mañana matarán a Daniel, e o xornalista Roger Mateos, autor do ensaio El verano de los inocentes. Ambos os dous traballos abordan as últimas execucións do franquismo, acontecidas o 27 de setembro de 1975, a menos de dous meses da morte de Franco.