Entrevista

Flor Baena: "Ao meu irmán Xosé Humberto fusilárono sabendo que era inocente"

Pasaron cinco décadas, pero a memoria de Xosé Humberto Baena (Vigo, 1950), preso político fusilado polo franquismo o 27 de setembro de 1975 no cuartel de Hoyo de Manzanares (Comunidade de Madrid), permanece viva. Ano tras ano, sen excepción, é homenaxeado no cemiterio vigués de Pereiró. A súa irmá Flor (Vigo, 1955) lembra diversos momentos daquela cruel farsa e móstrase satisfeita coa recente publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) do documento que  declara ilegal o tribunal que o xulgou e ilexítima e nula a sentenza que lle custou a vida a Xosé Humberto, Peter, como lle dicían a familia e os amigos.

Flor Baena, irmá de Xosé Humberto Baena, durante a entrevista con 'Nós Diario'. (Foto: Xan Carballa)
Flor Baena, irmá de Xosé Humberto Baena, durante a entrevista con 'Nós Diario'. (Foto: Xan Carballa)

“O meu irmán era inocente da acusación que lle custou a vida. Polo menos, despois da batallar desde o mesmo día que morreu, podo ter comigo o documento oficial que recoñece a inxustiza. Primeiro porque era civil e non podían xulgalo sumariamente nun tribunal militar. Despois porque lle aplicaron retroactivamente unha lei que non estaba vixente cando se produciran os feitos. E tamén porque se impediu que se presentasen probas e testemuñas que acreditaban, sen dúbidas, que el non estaba nin sequera en Madrid o día da morte dun policía da que foi acusado. A verdade é que o meu irmán foi o inocente asasinado”.

Na súa casa de Vigo, Flor Baena debulla os graos da súa memoria daquel verán negro de 1975, cando era unha moza de vinte anos, moi unida ao seu irmán Xosé Humberto, cinco anos maior,  ao que sempre na conversa se refire como Peter, o alcume cariñoso para familia e amigos. “Eramos uns irmáns especiais, sempre estabamos xuntos. El estudaba  no Santa Irene e eu no Feminino [actual Santo Tomé], viviamos polo Meixoeiro, que era barrio de Lavadores e faciamos o camiño a pé. Os nosos pais tiñan diferentes maneiras de pensar, tamén orixe social diferente. Papá máis conservador e mamá máis de esquerdas. A un irmán del, que estaba no exército nas tropas de Franco, acabárono matando nun bombardeo de fogo amigo precisamente en Hoyo de Manzanares (Comunidade de Madrid), onde despois fusilaron o sobriño. A ela, Estrela, despois do 36 tamén a andaran buscando os falanxistas para matala porque lle cantara ao crego da parroquia unhas coplas irónicas”, rememora, en conversa con este xornal.

Fernando, Flor e Xosé Humberto Baena. (Foto: Cedida)
Fernando, Flor e Xosé Humberto Baena. (Foto: Cedida)

Na casa sabían que desde novo Xosé Humberto andaba na política antifranquista organizada. “Papá quería disuadilo, dicíalle que ‘todos son iguais’, pero el retrucáballe, ‘hai que loitar cos traballadores’, porque o meu irmán tiña moita relación con xente obreira, e tempo despois da súa morte soubemos moitas cousas que facía en solidariedade cos traballadores da empresa na que traballou”, salienta Baena.

Foi precisamente esa calidade de persoa solidaria a que o obrigou a fuxir e cos meses precipitou os acontecementos fatais para el. O 1 de maio de 1975, durante unha manifestación no barrio vigués de Teis, un garda civil de paisano disparou e matou o traballador de Fenosa Manuel Montenegro Simón de 42 anos. “O meu irmán e outros amigos, decidiron pagar entre todos unha coroa de flores e unha esquela no Faro de Vigo na que puña Morto pola represión policial. No periódico exixíronlle que deixasen constancia dos DNI. Tirando a policía dese fío comezaron a detelos. Estabamos un domingo comendo na casa e avisei de que prenderan xa un curmán noso, tamén do fato de amigos, e  chegou un veciño que cruzou polo monte para dicirnos que a policía andaba xa polo barrio a procuralo. Peter non o dubidou, ‘teño que marchar que veñen por min’. Colleu catro cousas nunha bolsa e até deixou atrás o carné de conducir. Quizais se o deteñen aquel día as cousas serían diferentes”, sinala a súa irmá.

Fuxida a Madrid

A Xosé Humberto Baena agochouno uns días nun piso o pai do cantante Suso Vaamonde, que era amigo seu, “pero vían que as cousas se complicaban e marchou”. “Primeiro pensou en Portugal pero despois foi a Madrid, onde se agochou nunha casa que lle buscaron compañeiros de militancia. A Maruxa, a moza, que marchara con el, detivérona nunha manifestación e volveu mudar de agocho. Pasaran apenas tres meses desde que saíu de Vigo até que o detiveron en xullo. Por que sabemos que non estaba en Madrid o día do asasinato da policía? El acordara co meu pai que lle mandara cartos e o carné de conducir por un chofer da empresa de madeiras na que era encargado e que ía habitualmente a Portugal. Este home paraba sempre nunha pensión perto da fronteira por Estremadura, e estiveron xuntos ceando nesa noite. El mesmo nos explicaba que Peter estaba tranquilo e que saíra cara a Madrid contra a 1h da mañá, nun Seat 850. Nas estradas daquel tempo, e con ese coche vello, era literalmente imposíbel que puidera chegar. Soubemos da detención pola televisión, pero papá estaba tranquilo, sabendo desa reunión co chofer, e convencido que sería unha confusión que se aclararía”, di.

O testemuño dunha muller que presenciou a morte do policía non foi nin considerado polo tribunal e o do chofer nin se puido alegar dadas as circunstancias da ditadura e o temor a represalias. A determinación do réxime era, contra todo clamor internacional, executar varios dos condenados a morte. “Por que o escolleron a el non o sei, sei que as mulleres ou os que tiñan fillos foron os indultados. Visitabámolo cada semana ao cárcere, nese período de tempo curto. Botabamos doce horas no tren para estar os sábados ás 12h apenas 20 minutos con Xosé. Unha veces eu, outras o meu irmán ou o meu pai. Cando soubo que había outro detido de Vigo preguntoume quen era, e leveille noutra visita un recorte do Faro coa imaxe de José Luís Sánchez Bravo. Díxome que non o coñecía”, reata Flor Baena.

A noite máis longa

O xuízo foi unha farsa e cando o Consello de ministros deu o visto bo a cinco fusilamentos, “o avogado avisou o meu pai de que tiñan que vir rápido se querían velo con vida; xa non puideron coller un tren e nun taxi chegaron papá e o meu irmán case ás 6h da mañá”. Xosé Humberto Baena pasara a noite co seu avogado, Javier Baselga, e nesa hora final o pai preguntoulle se realmente era culpábel, pensando que sabelo lle aliviaría a mágoa. “Peter díxolle, ‘sabes que nunca minto e non che podo dar a satisfacción de dicir que son culpábel, porque eu non matei ese home’. Papá insistiu, ‘pero sabes quen o fixo?’, e el insistiulle, ‘papá, só che podo dicir que eu non o fixen, firmei unha confesión que nin sei o que puña, porque nos golpeaban e nos tiraban coa cabeza contra a parede, e eu xa non sabía nin o que facía’”, apunta Flor.

A familia de Xosé Humberto Baena batallou durante anos en busca dunha reparación que só chegou hai uns meses. Antes de que o fusilaran escribíranlle ao entón Príncipe Juan Carlos, recibindo resposta do xeneral Alfonso Armada, dicindo en síntese que nada podía facer. Despois seguiron petando en numerosas portas para intentar reabrir o proceso, logo de recadar cun investigador privado datos de todos os pasos que dera neses meses e de conseguir o apoio da muller que presenciara o sucedido e o chofer que estivera con el. “Mesmo foi co meu outro irmán maior, Fernando, militar de carreira, que o acompañou ao tribunal anos despois para recibir un enésimo portazo”, di a irmá.

Morreron sen ter esa pequena reparación ou consolo, pero o documento logrado agora, produto da Lei de memoria democrática, ou as continuas publicacións e actos de solidariedade amortecen algo a pena de perder un irmán. Do antifascista de 25 anos Xosé Humberto Baena Alonso lembraba o avogado Baselga, que o defendeu e pasou a última noite agardando a execución: “Impactoume a súa serenidade, o convencido que estaba das súas ideas e a nobreza coa que falaba”.

Comentarios