Un cómic recolle a vida de Josefina Arruti, represaliada polo franquismo

Os berros da motocicleta, con guión de Kiko da Silva e ilustracións de Pablo Prado é unha iniciativa do Concello de Pontevedra.
O concelleiro de Memoria e Patrimonio Histórico de Pontevedra, Xaquín Moreda, xunto co guionista de Os berros da motocicleta Kiko da Silva (Imaxe: Concello de Pontevedra).
photo_camera O concelleiro de Memoria e Patrimonio Histórico de Pontevedra, Xaquín Moreda, xunto co guionista Kiko da Silva (Imaxe: Concello de Pontevedra).

Josefina Arruti permaneceu encarcerada durante 18 meses e pasou case dous anos baixo arresto domiciliario xunto cos seus fillos no seu fogar en Pontevedra, tras o golpe de estado do 36. Os golpistas castigábana mentres procuraban chegar ao seu marido, Bibiano Fernández Osorio-Tafall, quen foi primeiro alcalde republicano da cidade do Lérez.

"Josefina ficou soa, sinalada, e pasou dunha situación acomodada a converter a súa casa nunha pensión", explicou o concelleiro de Memoria e Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, na presentación do cómic que recolle a vida de Arruti.

Os berros da motocicleta, con guión de Kiko da Silva e debuxos de Pablo Prado, achega á mocidade "o drama que tiveron que soportar as mulleres no franquismo". Será presentado no Culturgal e distribuído entre as bibliotecas e centros de ensino pontevedreses.

A publicación é o resultado de dous anos de investigación. "Era complicadísimo porque case non había información", asegurou Kiko da Silva. A propia filla e os dous fillos de Arruti; María del Carmen, José Ángel e Manuel, colaboraron na corrección de datos e xa puideron ler o resultado en banda deseñada.

Este proxecto enmárcase no programa A memoria das mulleres posto en marcha polo Concello de Pontevedra.

No seu portal en liña, Do gris ao violeta, pode lerse a biografía de Durruti e mais a doutras mulleres que deixaron a súa pegada no municipio.

"Agardamos que este comic sexa ben acollido pola xente nova e que esperte a súa curiosidade, porque estamos convencidos de que coñecer esta historia será un antídoto contra o rexurdimento do fascismo", afirmou Xaquín Moreda.

Comentarios