Comeza a rodaxe do proxecto ‘Prisciliano na Gallaecia’

Este proxecto de Arraianos Producións busca recuperar para a historia a figura do bispo Prisciliano (345?-385)

PERISCILIANO 1
photo_camera (Foto: Arraiano)

Este proxecto de Arraianos Producións busca recuperar para a historia a figura do bispo Prisciliano (345?-385), o primeiro cristián condenado a morte polas súas crenzas relixiosas tras a promulgación do edicto de tolerancia por parte do emperador Constantino.

A decapitación do protagonista deste ambicioso proxecto non acabou coa súa fama. Dende a súa morte, o priscilianismo gozou dunha extraordinaria difusión na Gallaecia, até o punto de que, soamente pola súa orixe, todos os galaicos se consideraban seguidores de Prisciliano.

A rodaxe comezou coa entrevista a Diego Piay Augusto, experto na figura de Prisciliano, e continuará nos próximos meses viaxando por diferentes lugares para reconstruír a historia desta figura esencial para historia de occidente.

De feito, estudando a Prisciliano “podemos analizar os conflitos relixiosos na antigüidade, a historia política, o rol das mulleres, as viaxes, a importancia doutras cidades que suplantan a Roma no seu rol hexemónico, o rol de emperadores e bispos, a corrupción, os concilios, o dereito en época romana, a herexía, os bispos, os personaxes máis importantes do seu tempo…”

O obxectivo principal do presente proxecto é recuperar a figura de Prisciliano para a historia, analizando a súa biografía a través das palabras dos mellores especialistas e das visitas ás cidades nas que as fontes sitúan a Prisciliano, durante a súa vida e tras a súa decapitación.

Debido a que un dos maiores misterios relacionados con Prisciliano é o seu lugar de enterramento, tamén se analizarán todos os xacementos arqueolóxicos que foron propostos ata a data para a súa sepultura.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios