Mondoñedo e Lourenza lembran os guerrilleiros asasinados

Centos de persoas na homenaxe ao Gardarríos e a Antonia Díaz

Centos de persoas participaron este sábado de solsticio de verán na homenaxe popular ao Gardarríos e a Antonia Díaz, dous heroes da guerrilla antifascista asasinados hai agora 70 anos en Vilanova de Lourenzá. Os actos decorreron entre Mondoñedo e Lourenzá e contaron, nun suceso inaudito, co apoio unánime das corporacións municipais de ambos os dous concellos e mais da de Ribadeo, onde nacera Díaz.
 

homenaxe gardarríos
photo_camera Participantes na homenaxe ao Gardarríos e Antonia Díaz no cemiterio de Lourenzá. Foto: cedida.

asistentes mesa redonda Gardarríos

Á mañá, unha mesa redonda no auditorio municipal de Mondoñedo -de alí era natural Luís Trigo, O Gardarríos- repasou a vida dos dous resistentes. Participaron Francisco Martínez, Quico -talvez o derradeiro dos guerrilleiros galegos aínda vivo-, os investigadores Bernardo Máiz, Xosé Ramón Ermida, Carlos Nuevo e Odette Martínez e mais o cronista oficial da vila, o escritor Antonio Reigosa. No público, máis de 250 persoas.

Despois dun xantar de confraternización, a xornada continuou no cemiterio de Lourenzá. Alí están soterradas O Gardarríos e Antonia Díaz e alí se inaugurou un monolito en lembranza dos dous guerrilleiros. Quico e mais a neta de Trigo, Fernanda Cedrón, dirixiron unhas palabras aos presentes. Que eran xa arredor de 400.

Un recital poético musical púxolle o ramo á xornada. Nel participaron -moitos facendo acto de presenza, outros remitindo poemas e textos- María Xosé Lamas, María Xosé Fernández, Iolanda Aldrei, Esperanza Pérez, Lois Diéguez, Baldomero Iglesias, David Otero, Xosé Abella, Xaime Oroza, Toño Núñez, Luciano de Mondafal ou Lino Rico.

Nota: o público ateigou a mesa redonda sobre O Gardarríos e Antonia Díaz no auditorio municipal de Mondoñedo.

Comentarios