Cabanas recupera a súa historia a través da memoria oral

O proxecto 'Memoria dun século' busca "traballar o relato colectivo de lugar" a través dos saberes e vivencias das persoas maiores.
Unha das fotografías recuperadas na parroquia do Porto no marco deste proxecto. (Foto: Concello de Cabanas)
photo_camera Unha das fotografías recuperadas na parroquia do Porto no marco deste proxecto. (Foto: Concello de Cabanas)

'Memoria dun século' é o proxecto impulsado polo Concello de Cabanas a través do cal busca fomentar que as persoas participantes "exerciten e reelaboren as súas memorias persoais ao tempo que traballan e articulan o relato colectivo de lugar".

Ao longo desta semana decorrerán senllas xuntanzas coa veciñanza das parroquias de Cabanas, Laraxe e Salto, a fin de compartiren os seus coñecementos das súas vivencias e saberes, logo de que en edicións anteriores do proxecto fixesen o propio as e os habitantes de Soaserra, Regoela, Porto e Irís.

As mulleres xogan un papel "fundamental" para escribir o relato do municipio do último século

"Esta nova edición de 'Memoria dun século', na que se traballarán as tres parroquias que faltaban do programa, completaremos o mapa da historia oral de Cabanas, escribindo o relato do noso concello durante os últimos cen anos", sinalou a concelleira de Igualdade, Paula González.

As mulleres, dixo, "xogan un papel fundamental na Galiza e na Cabanas do último século", polo que a través deste programa tentarase "que perdure a historia viva das diferentes parroquias do concello".

O proxecto, de feito, conta cunha subvención da Secretaría Xeral de Igualdade por tratarse dunha iniciativa que fai énfase na "posta en valor das vidas e saberes das mulleres", subliñan desde o Concello, "contribuíndo así ao seu apoderamento e visibilidade das súas achegas á historia de cada parroquia".

Logo da recollida de información e a análise dos documentos que acheguen as persoas participantes durante as diferentes sesións —fotografías, documentación, textos, etc.—, elaboraranse tres publicacións, unha por cada parroquia, para "visibilizar as voces que adoitan pasar desapercibidas na historiografía oficial".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios