As barcas de pedra nos mares galegos

Santiago, Santo André, Santa Comba, San Bartolomeu, San Xoán de Misarela ou a virxe da Barca "chegaron" á Galiza por mar nunha barca de pedra. Estas tradicións transmitidas de xeración en xeración son comúns a outros pobos atlánticos e dan conta do carácter e das raíces da cultura galega.
Santuario da Nosa Señora da Barca en Muxía. (Foto: Turismo da Galiza)
photo_camera Santuario da Nosa Señora da Barca en Muxía. (Foto: Turismo da Galiza)

As barcas de pedra foron sempre compañeiras necesarias para as navegacións máis míticas nos países de cultura atlántica ou celta. Sen ir máis lonxe, a tradición afirma que o apóstolo Santiago chegou á Galiza desde Palestina nunha embarcación dese material tras a súa morte. Santo Enda, o rei guerreiro e monxe irlandés do século VI, chegou ás costas do seu mosteiro de Aran pola mesma vía e o monarca bretón Artur partiu para o alén polo río Avalon noutra embarcación semellante. A Barca é un lugar emprazado ás beiras do río Sar, no concello de Padrón, onde a tradición sitúa a chegada do apóstolo Santiago á Galiza.

Neste sentido, afirma que nese espazo está enterrada a barca de pedra que o trouxo ao país após a súa morte, manténdose como lugar de culto até o século XV, momento no que as autoridades eclesiásticas ordenaron tirar a embarcación ao río por asociala con prácticas pagáns.

A barca de pedra de Santiago ficou nas crónicas de moitos peregrinos que chegaron á Galiza antes da súa destrución. Sen ir máis lonxe, a embarcación foi vista en 1467 pola comitiva do nobre bohemio Leo de Rozmithal e documentada polo seu cronista Venceslao Shaschek. Outro tanto, testemuñou en 1494 o peregrino alemán Xerónimo Münzer e, aínda, en 1540 o cóengo malagueño estabelecido en Mondoñedo, Bartolomé de Molina.

Xerónimo Münzer relata como el e os seus compañeiros de peregrinación observaron “á beira do río onde fondeou a nave que, sen remos conduciu desde Xudea o corpo do santo, acompañado dalgún dos seus discípulos e ao ser colocado sobre unha pena operouse o prodixio de que esta se derretese como cera para recibilo no seu seo”.

Santo André chegou a Teixido, no concello de Cedeira, na comarca de Ortegal, do mesmo modo. A viaxe deste mariñeiro e apóstolo á Galiza mantense viva na memoria de todas as xentes da comarca que acoden de forma masiva á romaría en honra do santo cada oito de setembro, facendo bo o dito popular que asegura que a Santo André de Teixido “vai de morto quen non foi de vivo”.

O espazo onde se ergue a ermida en honra de Santo André lembra a súa navegación. Así, unha gran rocha situada fronte á Punta Gaveira é denominada popularmente como Barca de Santo André. Neste caso, trátase doutro rito pagán posteriormente cristianizado como a propia data da festa, 8 de setembro, coincidente coa do antigo culto a Ceres, deusa da agricultura e da fecundidade.

A memoria da embarcación de Santo André mantense presente na tradición oral. Precisamente, o historiador e erudito de Ortigueira, Federico Maciñeira, recolleu en 1928 unha cantiga que dá conta deste feito, sinalando que “O diviño Santo André / velo aí vén na súa barca / aló no medio do mar / todas as augas aparta”.
Unha navegación semellante á de Santiago e Santo André fíxoa a Virxe para chegar a Muxía. A lenda conta que, atopándose Santiago en labores de evanxelización por aquelas terras, viu chegar nunha barca de pedra a Virxe María, coa intención de darlle folgos para a súa tarefa. 

A barca en Muxía

A memoria desta travesía está presente no lugar onde se sitúa a capela en honra da Nosa Señora e se desenvolve a romaría da Barca, cuxa data habitual é o segundo domingo de setembro. Neste espazo, atópase unha gran laxe, coñecida como 'a pedra de abalar', que popularmente se identifica coa 'barca da Virxe'. Na mesma área, emprázase a denominada pedra dos cadrís, considerada polo pobo 'a vela' da embarcación así como unha denominada 'pedra do temón'.

As primeiras referencias documentais sobre este espazo proceden do século XV. Precisamente, en 1484 o peregrino polaco Nicolas de Poielovo escribía que “desde Santiago fixen 12 millas a cabalo até Nosa Señora da Barca, onde vin un barco desfeito feito de pura pedra. No mesmo barco navegou Nosa Señora”. Neste sentido, poucas dúbidas hai de que o santuario da Barca é un vello espazo de culto pagán cristianizado.

Santa Comba chegou á parroquia ferrolá de Covas nunha barca de pedra. Segundo a tradición oral, a santa meiga alcanzou Galiza navegando sobre as ondas nunha embarcación de pedra, sen remos nin vela. Nas proximidades da ermida erguida en honra de Comba, no lugar coñecido como Insua da Santa, atópase unha gran pía de pedra que tradicionalmente é coñecida como 'a barca da santa'.

San Bartolomeu, outro santo caro para as xentes do mar, patrón dos mariñeiros en diversas localidades do mar Cantábrico, como Xove, ou do Atlántico, como Noia, arribou á Galiza nunha barca de pedra. Así, nunha oración aínda viva na comarca da Mariña, afírmase: “San Bartolomeu levantouse / os pés e as mans lavou/ a Xesucristo encontrou / a onde vas Bartolomeu? / a Cristo vou atopar/ nunha barquiña de pedra / e con el vou navegar”.

Os casos referidos non son únicos. Por exemplo, na Galiza aparecen lendas análogas para San Xoán, en Misarela, na Pobra do Caramiñal, no Barbanza, documentada xa no século XVIII por Sarmiento, ou para Osorio Guterres, popularmente coñecido como o Conde Santo, fundador do mosteiro de Lourenzá e parente de San Rosendo. Outro tanto, acontece na Bretaña, Gales ou Irlanda, con santos como Enda ou reis como Artur.

Un caso paradigmático é o de San Boec, que chegou navegando ás costas de Tregene, na Bretaña, nunha barca de pedra que posteriormente volveu a Irlanda, situándoa a tradición popular na igrexa levantada en honra do santo en Carsnore, no condado de Wexford. Tamén en Irlanda, neste caso na comarca de Connemara, no condado de Galway, atópase unha barca de pedra, denominada Barca de San Columcill.

O profesor Alonso Romero sinala no seu libro Santos e barcos de pedra que “ moitos dos santos evanxelizadores que aparecen nas lendas irlandesas, bretoas e galegas preséntanse no mundo dos vivos dunha maneira sorprendente; navegando sobre as ondas do mar en barcos de pedra”. Nese sentido, vincula esas tradicións á necesidade de evanxelizar antigas crenzas de orixe celta que permaneceron vivas nos primeiros séculos do cristianismo e cuxo arraigo se mantivo vivo até datas ben recentes.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios