Opinión

Galegos revolucionarios na Patagonia

Hai un século, concretamente o 19 de outubro de 1920, terminaba abruptamente a primeira folga convocada pola Sociedad Obrera de Rio Gallegos, no territorio de Santa Cruz, na Patagonia Arxentina. Mentres realizaban unha xuntanza na entidade son detidas 27 persoas. O paro iniciarase no mes de xullo nos hoteis e no porto. En todo este proceso destacou como dinamizador Antonio Soto, nado no Ferrol o 8 de outubro de 1997, que emigrou á Arxentina con 14 anos.

En Bos Aires traballou unha miga aquí e outra alí, e co tempo foise vencellando aos anarquistas. En 1919 a gran cidade do río da Prata axitase polas malas condicións laborais (Bos Aires tiña dous millóns de habitantes). A protesta desemboca na “Semana Tráxica”. Prodúcense mobilizacións nas rúas, represión militar e policial, detencións, expulsións do país, centos de obreiros feridos e mortos. Sen dúbida incide a proximidade da Revolución Rusa que alenta os desexos de cambio, nun contexto no que as condicións sociais e laborais eran indignas, cando non noxentas.

Antonio Soto chegou a Santa Cruz no ano 1920. Ena capital Río Gallegos, e no territorio, había unha situación límite, tiña 4.000 habitantes, era un porto de saída de la e tiña unha planta frigorífica, porén despois da guerra mundial minguan as exportacións e comezaron os atrasos nos pagos dos salarios. Incorporouse axiña á Sociedad Obrera de Rio Gallegos. O 24 de Maio de 1920 foi elixido Secretario Xeral, varios paisanos máis formaran parte da dirección. Ao pouco comenzan as folgas, primeiro na hostalaría, despois nos frigoríficos e no porto, e esténdense a outras cidades do territorio de Santa Cruz (que tiña 250.000 quilómetros cadrados e 18.000 habitantes). A represión policial comentada no limiar remata con este primeiro paro.

No ano 1921 convocase unha nova folga que se alarga aos traballadores das “estancias” (facendas). Estes son na súa maioría chilotes (chilenos da illa de Chiloé, durante a colonia chamouse Nueva Galicia), porén tamén hai europeos (calculase que só un 8% da masa laboral do territorio é arxentina). As condicións de traballo son feudais. Non teñen leito no que deitarse, carecen de velas, as instrucións dos botiquíns están en inglés (nacionalidade da maioría dos grandes propietarios).

Sucédense as protestas violentas, as negociacións e chegase a un acordo, que non se cumpre pola patronal. Reiniciase a folga. Chegan tropas do exército, e comenza a represión. Unha etapa que se salda con entre 1.500 a 2.000 persoas mortas e miles de feridas. Entre as vítimas obreiras hai centos de galegos que son unha parte considerábel da man de obra, un 20% dos habitantes eran orixinarios do Estado Español segundo o censo de 1920, pero esta proporción era moito máis grande entre a povoación activa. Por último Soto atravesa a fronteira con Chile cun grupo de folguistas, en desacordo coas derradeiras actuacións dos que se entregaron na “estancia La Anita” deixándose enganar polas tropas.. e serían masacrados.

Para que aconteceran feitos tan graves, hai que saber que a Patagonia estaba daquela en mans de moi poucas familias terratenentes, especialmente británicas, que varias décadas antes remataran cos indíxenas cazándoos como se de coellos se tratase. Rio Gallegos ademais estaba moi lonxe de Bos Aires, a presencia do estado Arxentino era mínima, e o Governo temía cos “estancieros” se inclinaran por Chile, polo que cedeu ante a súa esixencia de represión. Esta non tivo contestación axiña por parte da opinión pública xa que se lle presentou os folguistas como estranxeiros que pretendían instaurar unha comuna socialista.

O “Galego” Soto era un home alto, din que falaba unha mistura de castelán e galego, polo que os peóns non lle entendían todo o que dicía, porén era tanta a forza que transmitía que todos o seguían. El facía as otavelas, elaboraba as proclamas e redactaba as táboas reivindicativas, pero tamén estaba a cabalo acotío entre unha estancia e outra, nun territorio oito veces máis grande que Galiza. Así era Soto, por iso o sindicalismo de Arxentina e Chile ven nel a un dirixente a reivindicar. Para nós é un galego exemplar, un paisano que fixo o que debía e que nunca esqueceu a súa patria, xa que fundaría anos despois o Centro Galego de Punta Arenas (Sul de Chile), e ensinaríalle a súa filla a nosa lingua. Así foi Antonio Soto, así foron tamén moitas ducias máis de paisanos que participaron na loita dos peóns da Patagonia (como Outerelo, Graña... ou Puente, en Puerto Natale).

Antonio Soto participou no Primeiro Congreso da Emigración realizado en Bos Aires en 1956, mantivo contactos con Eduardo Blanco Amor, e Suárez Pícallo e colaborou durante a Guerra Civil na defensa da República Española. O “Gallego Soto” inmortalizado no filme “La Patagonia Rebelde” e reflicte o desexo de tantos galegos na emigración de transformar a sociedade na que vivían e tamén daquela que nunca esqueceron e sempre quixeron retornar, na que naceron. Morreu no ano 1963 en Punta Arenas. Nos anos que militei na Irmandade Galega de Bos Aires (1967-1972) faláronme moitas veces del, do contacto que mantiña coa Irmandade e de que Da Presa tiña relación epistolar con Soto. Mais os acontecementos da Patagonia eran moi descoñecidos, aínda non tiñan no imaxinario colectivo a forza da Semana Tráxica de 1919 en Bos Aires.

O libro de Osvaldo Bayer “La Patagonia Rebelde” axudaría na reconstrución da memoria histórica a respecto desta loita heroica da clase obreira. No ano 1997 a CIG mais a CTA (Central dos Traballadores Arxentinos) organizamos en Bos Aires, Rio Gallegos, Punta Arenas e Ferrol unha serie de actos co gallo do cen aniversario do nacemento do “Gallego” Soto, nos que participou a súa filla Isabel. Por certo estando na cidade da Calafate o seu alcalde díxonos que fora fundada por dous galegos da comarca de Ferrol, de apelidos Pantín e Freire. Esta cidade esta próxima a “estancia” La Anita onde se produciu unha das grandes matanzas de obreiros. Antonio Soto é unha figura que une aos povos de Galiza, Arxentina e Chile, e parte da nosa historia popular, a da emigración revolucionaria.

https://obloguedemera.wordpress.com/

Comentarios