19-X: Defende Meirás convoca unha manifestación ante as Torres "sen renunciar a manifestarse no interior"

O acto reivindicativo contará coa actuación de Tanxugueiras ademais da colaboración do debuxante Luis Davila, que cedeu unha ilustración para o cartel da convocatoria.

Carlos Babío e Aurora Paz durante a presentación da manifestación do 19 de xuño.
photo_camera Carlos Babío e Aurora Paz durante a presentación da manifestación do 19 de xuño.

Desde o pasado 10 de decembro, o Pazo de Meirás mudou. "Mudou a propiedade e creo que -ese día- as asociacións en defensa da Memoria Histórica conquistamos o dereito de acceder a Meirás e manifestarnos en Meirás".

Con estas palabras, Carlos Babío, voceiro da Iniciativa Defende Meirás, que aglutina diferentes entidades memorialistas sociais e culturais, reivindica a manifestación convocada por este colectivo "co obxectivo da democratización do espazo de Meirás, da normalización democrática" e a culminación da devolución das Torres ao "espazo público, como debeu ser desde sempre".

"Asumiremos as condicións que determine o Estado, mais non imos renunciar a manifestarnos no interior do Pazo de Meirás o próximo 19 de xuño", recalcou.

A asociacións, protagonistas

A este respecto, censurou que o Estado non lles permita entrar no inmóbel. A convocatoria, detallou, limítase á explanada de entrada do inmóbel tras percorrer un 300 metros por un camiño interior que conduce ás Torres cumprindo todas as medidas de seguridade e "poñéndonos a disposición do Estado para acordar todas as cuestións técnicas, loxísticas ou modificacións que nos queiran formular".

As asociacións en defensa da Memoria Histórica conquistamos o dereito de acceder a Meirás e manifestarnos en Meirás

A maior discrepacia está no acceso a Meirás. "Entendemos que non nos pode negar esta circunstancia", subliñou. "O Estado anunciou que vai abrir 25 ou 26 deste mes. Non sabemos moi ben as condicións. Se o fixo así é porque Defende Meirás convocou unha manifestación o día 19. Se non, non se explica ese anuncio que non concrete unha apertura lóxica na que o Concello de Sada xa avanzou que non quere ser conserxe en exclusiva, senón que ten que ser participado".

"Con todo o respecto cara o turismo", que artellará en boa medida o futuro do pazo, dixo Babío durante a presentación da manifestación, "nós non somos unha excursión de turistas". "Somos asociacións da Memoria, as protagonistas do proceso e dos 40 anos que levou a devolución do Pazo de Meirás".

Método Meirás

Segundo expuxo Carlos Babío, o secretario de Estado de Memoria Histórica, Fernando Martínez "tense referido a este proceso que reverte o pazo ao patrimonio público como 'método Meirás', entendido como a participación de todas as entidades públicas sociais e culturais que traballaron desde diferentes ámbitos no obxectivo de democratización do espazo de Meirás. Non sei en que momento o Estado decidiu rachar o 'método Meirás'", inquiriu.

Temos unha Xunta absolutamente posta de perfil na defensa da cuestión patrimonial e da Memoria

Babío entende que con esta decisión o estado rompe a colaboración pública. "O que si sabemos é que temos unha Xunta absolutamente posta de perfil na defensa da cuestión patrimonial e da Memoria. E que temos un Estado que toma decisións unilaterais en contra do espírito do 'método Meirás'".

Por iso demandou a todas as instancias públicas que se sumen ás asociacións de Memoria e ao concello de Sada na reivindicación de "entrar e participar con nós na reivindicación democrática que vai ter lugar este 19 de xuño en Meirás".

O Pazo para o pobo e a memoria é o lema da mobilización, que contará coa participación dos actores Isabel Risco e Fernando Morán e a actuación do trío de pandeireteiras Tanxugueiras nun breve acto nos xardíns das Torres tras o recorrido desde as portas da explanada principal, rodeando o edificio principal.

Comentarios