luns 26/07/21

As administracións fixan para a última fin de semana de xuño a apertura dos xardíns de Meirás

Os xardíns do Pazo de Meirás (Sada) abrirán ao público na última fin de semana de xuño. Foi a decisión adoptada na mañá da cuarta feira no encontro que tivo lugar entre Goberno estatal, Xunta, Deputación coruñesa e os concellos de Sada e A Coruña.
meiras
O Pazo de Meirás, en Sada.

O secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, situou na última fin de semana de xuño a data para a apertura dos xardíns do Pazo de Meirás, após o encontro que tivo lugar, na sede da Delegación do Goberno, entre o representante da Administración central, xunto ao da Xunta, a Deputación coruñesa e os concellos de Sada e A Coruña.

Nela, abordouse a situación das obras que se están executando en Meirás -unha vez que o Estado asumiu a propiedade de maneira provisional- e das que o secretario de Estado de Memoria Democrática dixo que van "ben", con traballos tanto en exteriores como en interiores e que afectan a elementos como as cubertas, "con moitas humidades", apuntou.

Visitas

Sobre as visitas, outra das cuestións abordadas, xunto ao visto e prace que se deu ao protocolo de coordinación que asinarán as administracións, explicou que na reunión se puxo "como data posíbel" para a apertura das visitas a última fin de semana de xuño, asegurou, apuntando xa aos días 25 ou 26 deste mes.

"Visita aos exteriores que sería o que no seu momento non se puido realizar pola pandemia", sinalou Fernando Martínez, que indicou que esta cuestión está supeditada a que se concrete "todo o proceso de xestión" das mesmas, das que se encargará o Concello de Sada.

"A idea é facelo canto antes, se todo este proceso de xestión concrétase e a situación de xardinaría termina de concretarse e ir a bo termo" como, engadiu, esperan.

Mobilización o día 19

Por outra banda, esta quinta feira, 10 de xuño, a iniciativa Defende Meirás, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e o Concello de Sada presentarán publicamente a mobilización que decorrerá o día 19 no exterior do inmóbel.

O obxectivo é reivindicar que o inmóbel é de titularidade pública e esixirlle á Xunta que actúe para que a familia Franco "pare co espolio".

comentarios