O goberno portugués acusa ao TC de pór o país "en serias dificultades" por rexeitar os recortes

O primeiro ministro portugués solicitou unha reunión urxente co presidente da República, Cavaco Silva para que esclareza "aspectos relevantes postos en causa" polo Tribunal Constitucional na súa sentenza. O mandatario luso mantivo este sábado unha xuntanza de máis de catro horas coa súa equipa de goberno logo de que o Constitucional declarase ilegais catro artigos dos Orzamentos de Estado para 2013. Passos Coelho apurou a desmentir que na xuntanza co presidente for apresentar a súa demisión. 

Após a xuntanza do Consello de Ministr@s, o primeiro ministro portugués, Passos Coelho, vén de solicitar unha reunión de urxencia co presidente da República, Cavaco Silva. O encontro entre ambos os dous mandatarios celebrarase este mesmo sábado. Segundo informan diversos medios do país o primeiro ministro luso quer que o xefe de Estado esclareza algúns "aspectos postos en causa" polo Tribunal Constitucional na sentenza coñecida esta sexta feira en que declaraba ilegais os cortes nos subsidios de ferias ao persoal funcionario e pensionistas. 

O executivo liderado por Passos Coelho láiase de que a sentenza se tiver feito pública en vésperas dunha negociación coa Troika e exixe a Cavaco Silva que esclareza "algúns aspectos postos en causa" polo Tribunal Constitucional

Segundo o comunicado feito público polo Goberno portugués este non partilla a interpretación do TC e mesmo responsabiliza á xustiza de ter colocado o país "en serias dificultades" e lembra á xudicatura que a sentenza se fez pública en vésperas da celebración dun conclave en Dublin en que o goberno de Passos Coelho deberá negociar coas autoridades da Troika unha prórroga nos empréstitos concedidos a Portugal con motivo do resgate da súa economía. 

"Respectamos a decisión do tribunal mais non podemos deixar de alertar aos portugueses dos efeitos negativos que a mesma ten para o país", asegurou o portavoz do executivo que subliñou, a sentenza constitúe un "problema serio" para a aplicación dos Orzamentos no seu conxunto. Aliás, apelou á "perda de cridibilidade" que suporía para o país cumprir coa legalidade vixente, habida conta que o TC alicerzou o seu pronunciamento no disposto pola propia Constitución. 

Neste senso, o diario portugués Público.pt asegura que o presidente da República deberá convocar un Consello de Estado a vindeira semana cuxo obxectivo sería lexitimar politicamente a un goberno cuestionado no Parlamento, nas rúas e nos tribunais para que (re)negocie as condicións impostas pola Troika para os Orzamentos de 2013. 

O presidente da República podería convocar un Consello de Estado para a vindeira semana

Os cortes previstos polo goberno atinxen a máis de mil millóns de euros que non poderán ser "aforrados" polo executivo tal e como lle demandaba a Troika. Neste senso, Passos Coelho asegurou días atrás que o seu goberno non posuía un plan B, algo que foi considerado un toque de atención dirixido ao tribunal antes de se pronunciar. 

Logo de se coñecer o contido da sentenza, os grupos da oposición exixiron ao presidente da República que disolva o Parlamento e convoque eleccións antecipadas ao entenderen que o executivo liderado por Passos Coelho "perdeu a lexitimidade política, ética e moral para proseguir coas súas funcións". 

((Seguiremos actualizando))

Comentarios