Iris Gestoso: "Falo galego porque é como mellor expreso a miña personalidade, non sería eu se o fixese en castelán"

Iris Gestoso é unha maquilladora artística que sobe tutoriais ás redes. Os seus vídeos, que se poden ver nas súas contas de Tik Tok e Instagram, reciben moi boas críticas por parte das súas seguidoras, aínda que tamén son obxecto de debate polas persoas que pensan que debería subir o seu contido en castelán para poder chegar a máis xente. Ela, con naturalidade e contundencia, responde a todos estes comentarios coa mesma resposta: fala en galego porque é a súa lingua e ninguén lle vai dicir como falar.
Itris gestoso
photo_camera Iris Gestoso

Cando comezou a interesarse no mundo da maquillaxe?

A min sempre me gustou todo o relacionado coa maquillaxe. A miña historia persoal pode ser un pouco prototípica, porque nace da inseguridade. Cando es unha nena non normativa, os homes adoitan facerche pasalo mal. Sempre buscaba a forma de sentirme guapa, porque pensaba que era a máis fea das miñas amigas.

Comecei a ver tutoriais de maquillaxe e a maquillarme pola miña conta. Mais non era a maquillaxe editorial que fago agora. Facíao simplemente para sentirme guapa. Cando rematei a carreira de Bioloxía no ano 2019, tiven unha crise existencial, e para canalizar todo o estrés, decidín formarme máis nese mundo. O que máis me gusta é expresarme de xeito artístico. Vexo a maquillaxe como unha extensión da miña personalidade.

Está especializada nalgún tipo de maquillaxe?

A maquillaxe pode dividirse entre social, que está máis pensada para  para o día a día, e a editorial, que ten un compoñente máis gráfico e colorido. O que diferenza ambas vertentes é a maior elaboración da editorial. Iso é o que realmente me gusta a min, pois penso que é a que mellor me axuda a expresarme.

Foi difícil comezar a difundir o seu contido nas redes?

Eu son unha nena de teatro, fágoo desde que son unha crianza. Entón, cando estou fronte a grupos moi grandes de xente xa me salta o interruptor que me fai estar preparada para a actuación. Aínda que en realidade eu non actúo, só mostro a miña personalidade dun xeito un pouco máis performático. Comecei a subir vídeos meus ás redes sociais durante o confinamento a modo de parodia das 'influencers', pero como vin que a xente lle gustaba e estaban pendentes do meu contido, decidín continuar dun xeito máis constante.

Teñen boa acollida os seus vídeos en Instagram e Tik Tok?

Está claro que non son unha gran 'influencer' das que chegan a millóns de persoas nas redes sociais, pero dentro da miña comunidade si que recoñezo que a quen me sigue lle gusta bastante o que eu fago. Teño que dicir que de vez en cando recibo críticas por non facer o meu contido en castelán para chegar a máis audiencia. E iso non o quero facer, porque non sería eu. Non me interesa chegar a máis persoas se iso implica ser alguén que non son.

Prefiro ter o meu grupo máis reducido de seguidoras que si se identifican coa expresión da miña personalidade tal e como é. Intento crear un contido didáctico que ao mesmo tempo sexa divertido, e non creo que puidese facer iso se o fixese en castelán. Ademais, se quixese realmente ter maiores audiencias, faría todo o meu contido en inglés e non en castelán. Se falo en galego non é porque sexa máis ou menos doado de entender. É porque é a miña lingua e ninguén ten dereito a dicirme como ou que teño falar.

Que plans de futuro ten? Pensa seguir no mundo da maquillaxe editorial?  

Aínda que agora mesmo me dedico a maquillar a clientas para ter unha vía de ingresos, non me vexo facendo isto como a miña profesión permanente nun futuro. Polo menos polo de agora. Eu son bióloga, e gustaríame verme dentro de catro ou cinco anos a traballar nun laboratorio. Si que me gustaría seguir creando contido para as redes sociais e divertindo a quen queira verme.

Que importancia ten que as creadoras de contido galegas o fagan na súa lingua?

Penso que é fundamental. As creadoras de contido non poden amoldarse ao público. Teñen que ter claro cal é a súa personalidade e expresala do mellor xeito posíbel. É o xeito no que verdadeiramente un consigue conectar co seu público sen facer perigar a súa saúde mental ao intentar ser alguén que non son.

Comentarios