O uso do galego na docencia da USC non supera de media o 30% das horas lectivas: do 3% en Medicina ao 96% en Pedagoxía
O galego avanza nas aulas da Universidade de Santiago de Compostela (USC), mais continúa lonxe de consolidarse como lingua vehicular maioritaria. O Informe sobre o Uso do Galego elaborado polo Servizo de Normalización Lingüística revela que o idioma propio acada este curso o seu maior peso desde que existen rexistros, mais non chega sequera ao 30% das horas lectivas totais: fica en 29,2%.
A universidade destaca que o incremento é "significativo" e que rompe coa estabilidade —practicamente un estancamento— que caracterizou a última década. Só neste curso impartíronse 20.000 horas máis en galego, un 19% máis que o ano anterior.
Lugo, por diante de Compostela
A distribución por campus mantén unha fenda histórica: o campus de Lugo sitúase na cabeza, cun 39,3% das clases en galego, mentres que en Compostela só se alcanza o 27,4%.
A USC atribúe esta mellora, polo menos en parte, á implantación de novos incentivos docentes: cada hora impartida en galego computa como 0,2 horas lectivas equivalentes (HDE) para o profesorado con dedicación completa ou substitución parcial.
Grandes diferenzas segundo os estudos
As áreas de coñecemento tamén presentan unha profunda desigualdade. As titulacións con maior presenza do galego son: Pedagoxía (96%), Educación social (93%) e Xornalismo (85%).
Pola contra, o uso do galego continúa a ser residual nas Ciencias da Saúde —históricamente o punto débil da normalización lingüística no ensino superior—: Medicina (3%), Odontoloxía (6%) e Enfermaría en Santiago (13%).
A excepción son filoloxías e disciplinas lingüísticas, que non forman parte deste apartado.
Análise anual
O Servizo de Normalización Lingüística lembra que analiza cada ano a situación idiomática da universidade, avaliando o peso do galego, do español e doutras linguas estranxeiras na docencia. A USC reivindica que estes informes permiten identificar tendencias e orientar novas medidas de promoción lingüística.
Con todo, os datos revelan unha realidade recorrente no sistema universitario galego: o galego avanza, pero continúa lonxe de ser a lingua de referencia na docencia universitaria.

