A TVG aproveita a fama da campaña da Mesa sobre o Xabarín para medrar en Tik Tok

Ilustración do Xabarín Club realizada por Kiko da Silva. (Foto: Kiko da Silva)

A televisión galega lanza o 'Tag da Xeración Xabarín' na súa canle nesta plataforma e convida usuarias e usuarios a facer dúos. No entanto, non forneceu ningunha resposta pública á iniciativa popular para lanzar unha canle 24 horas de debuxos en galego.

A campaña para lograr a posta en marcha dunha canle de debuxos animados en galego, que teña contidos as 24 horas, pola que apostou A Mesa pola Normalización Lingüística está no Parlamento e agarda unha resposta política. Malia que a iniciativa leva en marcha meses, até o de agora non se detectou ningún interese nin comunicado oficial ao respecto por parte da TVG. No entanto, a televisión pública galega vén de aproveitarse da actualidade que gañou o Xabarín Club para lanzar o seu perfil na rede social Tik Tok.

A conta da Galega propón ás usuarias e usuarios desta plataforma, mozas e non tan mozas, que fagan o 'Tag da Xeración Xabarín' seguindo a estrutura doutras accións e vídeos que se fixeron virais.

Polo de agora a idea está a ter unha boa resposta e a TVG aproveita un produto vello coñecido das e dos galegos para tirar partido. Mais non deixa de ser curioso que esta iniciativa xurdira ao tempo que a proposta para instaurar unha canle de contidos temáticos para crianzas está no ar.

Aliás, nunca transcendeu que a televisión quixera rescatar os debuxos para darlles un maior protagonismo.

Preguntado pola posibilidade de que a campaña estea a crecer ao abeiro dunha iniciativa popular, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, rexeita falar desa cuestión.

“Hai moita demanda infantil e xuvenil e a TVG terá que dar resposta a ela”, subliña, pois considera que “as persoas de tres a doce anos teñen dereito a ver a televisión e contidos en galego”. Pero haberá que agardar á decisión do Parlamento.

Mentres múltiples contas de Tik Tok, e mesmo caras coñecidas como a do presentador Xosé Ramón Gayoso, xogan coa historia do porco bravo que xa é historia do audiovisual no país.

A proposta comeza cos dedos das dúas mans elevados e, a voz do xabaril máis famoso da Galiza, solicita que baixes “un dedo” cada vez que a túa resposta ás premisas sexa afirmativa. É dicir, hai que baixar un dedo se aínda gardas o carné do club, se cando estabas de aniversario intentabas ver a túa fotografía ás présas, se merendabas coa panda...

Igualmente fai memoria para recordar que “Son Goku e Shin Chan sempre falaron galego” ou a letra do tema musical Carmiña Vacaloura. E mesmo hai tempo para o Detective Conan e o peto máxico de Doraemon.

Nun momento dado, na conta do proxecto Dígocho Eu xorde o asunto da canle 24 horas, ao que fontes da TVG responden que xa é posíbel ter estes contidos todo o día na páxina web xabarin.gal. En calquera caso, os promotores da iniciativa pública nunca pensaron que esa oferta fora suficiente para as crianzas.