O secretario xeral da Lingua súmase á liña de Feixoo e critica a proposta debatida para facer o galego oficial na UE

Valentín García di que a proposta para oficializar o galego na UE foi unha imposición e escúsase para rexeitala en que implicaría un custo económico, cando a Xunta vén de gastar milleiros de euros na compra de xornais para o fomento da lectura no ensino, excluíndo desa compra a prensa en galego.

Valentín García, secretario xeral da Lingua, este 26 de maio. (Foto: Xunta da Galiza)
Valentín García, secretario xeral da Lingua, este 26 de maio. (Foto: Xunta da Galiza)

O secretario xeral da Lingua da Xunta da Galiza, Valentín García, amosouse crítico coa proposta que este 27 de maio se discutiu en Bruxelas para oficializar o galego como lingua da Unión Europea, iniciativa que ao non ter consenso dos 27 non se someteu a votación.

O secretario xeral da Lingua cualificou a proposta debatida na UE de “imposición”, e malia sinalar que apoia que se normalice o uso do galego como lingua oficial da UE, rexeita que isto teña o custo económico que, segundo dixo, suporía.

Así o manifestou, a preguntas da prensa, despois de que o Estado español se vira forzado a renunciar, máis unha vez, á petición de someter a votación a súa proposta para recoñecer o galego, o catalán e o euskera como linguas oficiais da UE, despois de que varias delegacións insistiran en que é prematuro pronunciarse sobre un asunto sobre o que "apenas se debateu" e sobre o que persisten "serias dúbidas" sobre o seu encaixe legal e impacto económico e práctico.

Uns argumentos, o da legalidade e o impacto económico que pronunciou tamén na mesma xornada o líder estatal dos populares e ex presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo. Precisamente, o PP recoñeceu o 26 de maio que manobrou con delegación de estados para que a votación para oficializar o galego non prosperara. Cuestión que o Goberno español, o BNG e o PSdeG denunciaron esta semana.

"A posición da Xunta está fixada desde hai tempo, somos favorábeis á oficialidade do galego en calquera ámbito, pero non como se está facendo, trátase dunha imposición que vai custar 44 millóns de euros ao ano", dixo Valentín García. Porén, o PP vén de votar no Parlamento da Galiza unha proposta a prol da oficialidade do galego na UE, a pesar de esta semana rexeitala.

Exclusión da lingua galega

García criticou que a instauración do galego como idioma oficial da UE precisase dese investimento económico, malia hai só dúas semanas o Diario Oficial da Galiza ter publicado 11 convenios asinados pola Xunta da Galiza con diferentes empresas de comunicación para un programa de fomento da lectura da prensa estrita entre o alumnado por un importe total de 297.000 euros, sen incluír medios de comunicación en galego.

Comentarios