A Unión Europea adía de novo a votación da oficialidade do galego

As reticencias de varios etados membros obrigaron a retirar a proposta para o seu debate e votación.
O secretario de Estado da Unión Europea, Fernando Sampedro, conversa co ministro polaco de Consello de Asuntos Xerais da UE. (Foto: CE)
O secretario de Estado da Unión Europea, Fernando Sampedro, conversa co ministro polaco de Consello de Asuntos Xerais da UE. (Foto: CE)

O Estado español viuse forzado a renunciar, máis unha vez, á petición de someter a votación esta terza feira a súa proposta para recoñecer o galego, o euskera e o catalán como linguas oficiais da Unión Europea, despois de que varias delegacións insistisen en que é prematuro pronunciarse sobre un asunto sobre o que apenas se debateu e sobre o que persisten serias dúbidas sobre o seu encaixe legal e impacto económico e práctico.

A presidencia de quenda que este semestre ocupa Polonia tomou a iniciativa de expor "pospoñer" a discusión", segundo informaron varias fontes diplomáticas. Polo menos oito estados membros da UE, entre os que están Alemaña e Italia, pediron aprazar a votación sobre a oficialidade do galego e forzar a retirada por parte do Estadio español do punto para que continúe o debate.

O punto figuraba na axenda "para adopción" a petición do Goberno do Estado, que nas últimas semanas intensificou os seus contactos coas capitais para defender a oficialidade das tres linguas oficiais a partir de xaneiro de 2027, pero asumindo o custo total que no caso do resto de idiomas asume a UE e introducindo unha derrogación inmediata para unha aplicación parcial que excluíse a tradución do groso da lexislación comunitaria.

Dúbidas 

Con todo, tras abrir o debate o secretario de Estado para a UE, Fernando Sampedro, varias delegacións tomaron a palabra para pedir ao Goberno español que dese marcha atrás na votación, para poder seguir discutindo máis adiante, tendo en conta que segue habendo dúbidas legais, económicas e prácticas "sen resolver", segundo fontes europeas.

De feito, xa nas declaracións á prensa á súa chegada á reunión en Bruxelas, varios ministros apuntaran as súas dúbidas sobre a idoneidade de votar de forma prematura un asunto sobre o que apenas se discutiu a 27 e respecto ao que persisten dúbidas, mesmo dos servizos legais do Consello.

Entre eles, o ministro de Asuntos Europeos de Finlandia, Joakim Strand, confiou en non ter que votar e pediu tomar "moi en serio" un tema que, ao seu xuízo, aínda non está "maduro". Pola súa parte, as súas colegas austríaca, Claudia Plakolm, e sueca, Jessica Rosencrantz, apuntaron dúbidas legais e financeiras.

Reacción do Goberno

O Goberno español lamentou que "unha minoría de estados" freasen a proposta após se conseguiren "grandes avances" e a conformidade dun amplo número estados, sinalou a ministra portavoz Pilar Alegría, quen reafirmou o seu interese do Executivo en que se recoñeza e respecte a identidade plurilingüe do Estado, obxectivo polo que seguirán a traballar, dixo.

Comentarios