Queremos Galego reúnese na Coruña para preparar a mobilización pola lingua do 23 de febreiro en Compostela
A Coruña acolle esta segunda feira un plenario comarcal de Queremos Galego de preparación da manifestación pola lingua convocada pola plataforma para o vindeiro 23 de febreiro. O encontro ven precedido de máis dunha ducia de xuntanza do mesmo tipo noutras zonas da Galiza.
A reunión de Queremos Galego na Coruña busca “avaliar a situación da nosa lingua”, “para comezar a reverter a emerxencia lingüística e repoñer o noso idioma en todos os espazos onde está excluído”.
A voceira do encontro na Coruña, Celia Armas García, recorda que "os datos de uso e coñecemento do galego que ofrece o IGE evidencian o estado de emerxencia lingüística extrema ao que chegamos", mais tamén que "cada vez que a sociedade galega se activou pola súa lingua conseguiu frear a perda de falantes".
“Non podemos ter ningunha confianza", lamenta Armas, "nun goberno da Xunta que leva 15 anos actuando contra acordos alcanzados por unanimidade e que contaron con grande participación social e ao que lle parece excesivo o 1% de galego nas plataformas de TV, xustiza, ou xoguetes, ou que ademais de prohibir nalgunhas materias o uso da nosa lingua fomenta nas outras o uso de materiais didácticos que non teñen nada de galego”.
"Si cremos que coa implicación da sociedade é posíbel reverter a situación do galego", remata Celia Armas, quen sinala que “comezar a facelo é o que pretendemos con este plenario comarcal ao que convidamos a todas as entidades e persoas que queiran darlle un novo pulo ao galego".
Os plenarios convocados por Queremos Galego nas últimas semanas están a ter unha grande resposta social. Sen ir máis lonxe, a pasada sexta feira desenvolvéronse dous encontros, un deles na Serra de Outes (comarca de Noia) e outro en Foz (comarca da Mariña) cunha elevada participación de colectivos.
A Mariña
A voceira de Queremos Galego na Mariña, Mónica Pazos sinala a Nós Diario que “os datos da enquisa ás familias do IGE puxeron de novo en evidencia a política de exclusión do galego de todos os espazos e a falta de aplicación do Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado por unanimidade en 2004”.
Pazos aposta pola “eliminación das restricións ao ensino en galego, retomar os proxectos de innovación educativa de ensino en galego e garantir os materiais didácticos na nosa lingua”.
“Débese impulsar a oferta positiva en todos os servizos públicos de xestión directa ou privatizada”, reclama Pazos, “e estabelecer o uso do galego no exercicio das súas funcións por parte dos representantes da Xunta en todos os niveis”.
Queremos Galego ten desenvolvido nas últimas semanas 14 plenarios noutras tantas comarcas da Galiza de preparación de manifestación de 23 de febreiro. Ao tempo, fican pendente outros sete encontros a realizar esta semana.

