Alfonso Rueda sobre a situación do galego: "O castelán utilízase dun xeito máis natural"

O presidente da Xunta da Galiza defende durante unha entrevista no programa La Noche 24H a política lingüística do seu Goberno e critica os que procuran, di, "a imposición" do galego.

Sen titulo
Alfonso Rueda nun momento da entrevista. (Foto: Captura de TVE)

O castelán é a lingua que na Galiza se usa "dun xeito máis natural". Así o manifestou o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, na entrevista que o xornalista galego Xabier Fortes lle realizou en La Noche 24H, en TVE. Fortes preguntou ao titular do Goberno galego pola perda de falantes na lingua propia da Galiza, ao que Rueda respondeu reiterando o apoio ás políticas de "bilingüismo harmónico", sinalando que se debe protexer "a riqueza de ter dúas linguas" e, se ben apelou a unha "discriminación positiva" a prol do galego, dixo que esta non debería levar a unha “imposición”.

Neste punto, o titular da Xunta da Galiza recoñeceu que o galego “hai que potencialo” para engadir que "o castelán utilízase dun xeito máis natural", apuntan do a que iso se debe a que "estamos nun mundo moito máis global" mentres que limitou o galego a ser "a lingua da nosa comunidade autónoma".

Durante a entrevista con Fortes na TVE, que se desenvolveu por parte de ambos os dous en galego mentres tratou o tema da lingua, Rueda volveu  apelar á "liberdade para falar cada quen no que lle pete" e que a Xunta "non vai dicir á xente en que lingua ten que falar", volvendo reiterar que o seu Goberno non vai admitir nunca "a imposición", unha palabra que desde o PP e desde o propio Goberno galego se ten empregado para cualificar aquelas propostas que demandaban políticas máis avanzadas para normalizar a lingua.

San Simón e os mortos “que houbo ou non”

Tamén lle preguntou o xornalista ao presidente sobre as declaracións no Parlamento galego dun deputado do PP afirmando que non había constancia de mortes na illa de San Simón, empregada como campo de concentración de 1936 a 1943. "Foron unhas declaracións desafortunadas e pedimos desculpas", dixo, engadindo que "si houbo represión nesa illa", mais engadindo de novo, como xa fixo na segunda feira após o Consello da Xunta, que "o número de mortos, se os houbo ou non, é unha cuestión de investigadores". Iso si, Rueda aproveitou a pregunta sobre este tema para criticar a decisión de conmemorar en 2025 os 50 anos da morte de Franco, pois "é levantar un muro" e "as preocupacións" da cidadanía "son outras".

Os "fodechinchos"

Sobre Altri, o discurso do presidente mantense na liña destas últimas semanas: o visto e prace ou non da Xunta do proxecto é unha cuestión que corresponde "aos técnicos" mais tamén apuntou que se este proxecto acaba por ir a outro territorio, "logo virán os lamentos".

O motivo da entrevista na TVE era a presenza do presidente galego en Madrid para participar en Fitur. Rueda defendeu a política turística da Xunta, "pasamos de 5 millóns de turistas en 2019 a oito millóns en 2024, e negou perigo de saturación. "A turismofobia na Galiza é algo que non nos podemos permitir", sinalou, ao tempo que cualificaba o termo 'fodechincho' de "palabra pexorativa e inadmisíbel".

Comentarios