Sen noticias do 'Pacto pola Lingua': "O que busca a Xunta é unha lei para enterrar o galego"

O conselleiro de Cultural, Lingua e Xuventude, José López, e o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, en febreiro.
Este sábado presentarase en Santiago de Compostela o Protocolo Lingua Vital que, impulsado pola plataforma Queremos Galego, quere responder á "emerxencia lingüística" que vive o país. En contraste, o Pacto pola Lingua anunciado pola Xunta da Galiza continúa acumulando atrasos. 

O 9 de outubro de 2024, a Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude presentaba unha campaña baixo o lema "Saca a lingua que levas dentro". Non se trataba dun xesto rutineiro: era a primeira vez en 15 anos en que a Xunta da Galiza se decidía a animar a cidadanía a falar en galego. E no acto de presentación da campaña, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, xunto co secretario xeral da Lingua, Valentín García, declaraban a súa intención de buscar un "pacto político pola lingua".

Pondo as cousas en contexto, hai que lembrar que, dous días despois, o Instituto Galego de Estatística (IGE) actualizaba o módulo de "coñecemento e uso do galego" da súa enquisa estrutural a fogares, e que as cifras do estudo confirmaban os peores prognósticos: os resultados indicaban que, por primeira vez na historia, o castelán situábase como a lingua máis falada da Galiza, por riba do galego.

Para acabar de comprender a cronoloxía dos feitos hai que lembrar que a primeira data sinalada para difundir os resultados da enquisa do IGE era o 13 de setembro, e que nunca houbo unha explicación clara para aprazar a presentación dos seus resultados até outubro. Non era moi disparatado, ante a falta de aclaracións, supor que a Xunta, alarmada ante o resultado, buscou adiantarse cunha estratexia que a presentase en sociedade como un goberno preocupado polo futuro da lingua.

A partir dese momento, sucedéronse unha serie de actos que tiñan como obxectivo escenificar ese interese polo futuro do idioma. Tanto o conselleiro como o secretario xeral encomendábanse a aquel anunciado pacto político pola lingua -para o que se daban un prazo de 15 meses- para torcer o brazo a unha realidade da que non se facían responsábeis. Durante unhas semanas houbo xuntanzas do conselleiro cos grupos parlamentarios da oposición, anuncios sobre a constitución de comisións sectoriais e xuntanzas de profesionais de diferentes ámbitos que tiñan como propósito renovar o Plan xeral de normalización da lingua galega (Pxnlg) de 2004. Os resultados presentaríanse antes de que rematase o ano 2025. En marzo de 2026 non se sabe nada sobre as conclusións ás que se chegou durante este proceso.

"Documento complexo"

Nós Diario dirixiuse onte á Secretaría Xeral da Lingua para preguntar polo estado en que se atopaban os traballos relativos ao Pacto pola Lingua. A resposta foi un escueto correo electrónico que reza: "O traballo posto en marcha para actualizar o Plan xeral de normalización da lingua galega é un proceso amplo e aberto á cidadanía no que se acadaron máis de 1.400 propostas. O resultado é un documento complexo que a comisión coordinadora está agora ultimando e co que, posteriormente, iniciaremos un novo proceso de diálogo coas forzas políticas".

A Real Academia Galega (RAG) tampouco ten noticias sobre o desenvolvemento do plan. "A día de hoxe, na RAG non temos ningunha información oficial sobre en que punto se atopan os debates", declara a Nós Diario o seu presidente, Henrique Monteagudo. "En principio, como institución estamos á espera das diferentes propostas que se están a elaborar. Coñecemos as do Consello da Cultura Galega e este sábado  coñeceremos as de Lingua Vital, o proceso impulsado por Queremos Galego. Cando teñamos sobre a mesa os resultados do proceso dese Pacto pola Lingua promovido pola Xunta, faremos unha valoración xeral de todas estas propostas".

Lingua Vital

No protocolo Lingua Vital ao que se refire o presidente da Academia participaron directamente 57 entidades sociais de todos os sectores da sociedade, co apoio de 396 colectivos e foi debatido en todas as comarcas da Galiza, das que chegaron máis de 1.300 achegas e propostas.

Ante a alarma que xerou a enquisa do IGE, a plataforma cidadá Queremos Galego iniciou un proceso para "conseguir avances na normalización da lingua galega" e "garantir a súa presenza e oferta en todos os espazos e para todos os usos", facéndose eco do "malestar mostrado pola sociedade galega" nas multitudinarias mobilizacións de febreiro e maio de 2025 e de novembro de 2024, cando milleiros de persoas saíron á rúa para denunciar que non se están respectando os acordos nacionais e internacionais que protexen a lingua galega. A praza da Quintana acollerá este sábado, 14 de marzo, unha asemblea multitudinaria e aberta na que Queremos Galego presentará á sociedade os resultados do proceso.

Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego, declara a este xornal que "se a Xunta quería actuar a prol da lingua, tiña ferramentas abondas para facelo sen apelar a ese hipotético pacto pola lingua. Só tiña que aplicar os documentos e acordos aos que se chegou por unanimidade nas últimas décadas -o Plan xeral de normalización da lingua galega, a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, ou a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos- e estabelecer cales eran as medidas que había que tomar para cumprir os obxectivos que marcaban".

Mais a Xunta, acrecenta Maceira, tomou un camiño que indica que os seus obxectivos son os contrarios aos que declara. "Nos últimos 16 meses, modificou a Lei de Función Pública para que o coñecemento do galego deixase de ser un requisito para formar parte das listas de contratación públicas; fixo campañas en español nos centros de ensino; sacou unha oferta para empresas para se faceren cargo dos campamentos de verán onde se excluía o galego; aprobou unha lei de intelixencia artificial que excluía o galego; reformou a lei de creación da CRTVG -agora CSAG- pasando por alto o seu papel normalizador; aprobou uns orzamentos que só destinan 0,09% ao galego; ou mantivo o decreto de plurilingüismo no ensino. Non exaxeramos cando dicimos que o que busca a Xunta é unha lei para enterrar o galego". 

Os grupos de traballo do proceso social Lingua Vital presentarán este sábado na Quintana o contido do protocolo aprobado, que parte dos obxectivos e dos acordos estabelecidos arredor da lingua e establece accións concretas que comprometen na defensa activa do galego tanto aos poderes públicos como ás entidades sociais.

O Plan Xeral de 2004

A profesora honoraria da Universidade da Coruña e escritora María Pilar García Negro, unha das voces máis autorizadas na defensa do galego, sinala a oposición -"máis que contraste"- entre o devir da iniciativa da Xunta e a dos colectivos sociais impulsada por Queremos Galego.

"Por un lado temos, por parte da Xunta da Galiza, décadas de continuado incumprimento da lexislación básica que rexe a política lingüística e a defensa do uso social e público da lingua propia, tal e como é definida polo Estatuto de Autonomía. Por outro lado, temos o traballo acumulado de Queremos Galego e dos colectivos de base que se uniron ao proxecto Lingua Vital, que fan certo o obxectivo de normalización que aparece na lexislación vixente pero que dista moito de estar cumprido", enuncia García Negro.

A autora de A lingua que nos fai ser lembra que en 2004 o Parlamento da Galiza aprobou, "por insistencia previa do nacionalismo", coa unanimidade  de todos os grupos políticos, un Plan xeral de normalización lingüística -inspirado pola Carta Europa de Linguas Rexionais e Minoritarias, que foi asinada polo Estado- que non se cumpriu "nin nas mínimas disposicións que defendían o uso social e público da lingua propia, que é o que fomenta o uso social. De feito, a política lingüística da Xunta semella ser a antítese dos obxectivos e as actuacións que impulsaba o Plan xeral de normalización, o cal supón unha demora que se sobrepón a un atraso histórico".

"Se cadra o pacto que se busca significa silencio, que o conflito lingüístico non se airee, para que o problema desapareza por inanición", conclúe a profesora García Negro.

O decreto da discordia e a educación en galego

Unha das contradicións principais da Xunta da Galiza consiste en querer modificar o marco lexislativo a prol do galego e, ao tempo, manter como eixo da súa política lingüística o decreto 79/2010, coñecido como o  "Decreto do Plurilingüísmo". Este, aprobado inmediatamente despois da chegada de Núñez Feixoo á Presidencia da Xunta, supón un grave empeitizo para a lingua.

Todas as persoas expertas -incluíndo documentos elaborados polo Consello da Cultura Galega e pola Real Academia Galega- conclúen en facer coincidir a entrada en vigor do decreto 79/2010 coa caída en picado do coñecemento e o uso do galego por parte da infancia e da mocidade. Mesmo o Comité de Expertos encargado de avaliar a implantación da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, dependente do Consello de Europa, fixo público un informe que considera "incumpridos" os compromisos adquiridos por parte das Administracións a respecto do idioma galego.

A enquisa do IGE debuxa unha situación da lingua especialmente complicada entre a mocidade. Segundo os seus datos, 32,4% dos  mozos e mozas entre 5 e 14 anos recoñecían en 2023 a súa imposibilidade para expresarse en galego. Ademais, só 16% das galegas e galegos nesa faixa de idade fala sempre ou máis en galego, e só 11% aprendeu a falar só en galego, fronte a 52% que o fixo só en castelán. É a xeración educada a partir da aprobación do "decreto do plurilingüismo".

Porén, non parece doado que a dirección do Partido Popular prescinda no seu discurso da doutrina de "imposición del gallego", polo que se adiviña a estratexia do conselleiro de subestimar o papel da educación lingüística na actualización do PXNL.