A Xunta nega a certeza dos datos do IGE sobre a perda de galegofalantes
O secretario xeral de Lingua, Valentín García, cuestionou esta cuarta feira durante unha comparecencia a petición propia ante a Comisión de Educación e Cultura do Parlamento da Galiza a veracidade dos datos achegados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) en outubro do ano pasado referidos ao coñecemento e uso do galego en 2023.
García asegurou que a información fornecida polo instituto público "non é un dato fiábel", senón que é "irrelevante en demoscopia e sociolingüística", malia ser resultado dunha sondaxe realizada polo IGE entre 21.003 persoas.
Nesta dirección, descartou que o galego se atope nunha situación de "emerxencia lingüística", como denuncian desde os colectivos en defensa do idioma ou desde institucións como a Real Academia Galega (RAG).
O máximo responsábel da política lingüística cargou contra as cifras fornecidas pola sondaxe en relación co uso do galego entre os menores de 15 anos e negou que fosen reais. Neste sentido, a enquisa do IGE recollía que 70.891 mozos e mozas de entre 5 e 14 anos –isto é, 32,4% desa faixa de idade– recoñecían en 2023 a súa imposibilidade para expresarse en galego, o que representaba un incremento de máis de 110% en relación a 2008.
A enquisa do IGE apuntaba que o 53,6% da poboación de entre 5 e 14 anos e o 43% da faixa de entre 15 e 29 anos afirmaban expresarse sempre en español, 24,1 e 17,6 puntos máis, respectivamente, que en 2008. Na mesma dirección, certificaba que 29,6% de residentes na Galiza falan sempre en español.
A deputada nacionalista Mercedes Queixas criticou García por "deslexitimar informes" do IGE e acusouno de situarse no "negacionismo lingüístico". Pola súa banda, a parlamentaria socialista Silvia Longueira acusou o Goberno galego de "perverter" o consenso lingüístico

