O Decreto do plurilingüismo deixa o galego en mínimos tras 15 anos de vixencia

O 25 de maio de 2010 o Diario Oficial da Galiza (DOG) publicaba o Decreto do plurilingüismo imposto polo Partido Popular. 15 anos despois da súa aprobación o uso do galego atópase en mínimos históricos, particularmente, entre a mocidade.

Rueda, Galicia NBilingue
Alfonso Rueda na manifestación de Galicia Bilingüe contra o galego de 8 de febreiro de 2009. (Foto: Cedida)

O pasado 11 de outubro o Instituto Galego de Estatística (IGE) publicaba os datos sobre o coñecemento e uso do galego en 2023, procedentes dun estudo elaborado a partir de 21.003 enquisas. As cifras certificaban unha caída de galegofalantes entre a mocidade e situaban ao español como lingua máis falada habitualmente no país.

Os datos sinalaban que 53,6% da poboación de entre 5 e 14 anos e 43% da faixa de entre 15 e 29 anos afirmaba expresarse sempre en español, 24,1 e 17,6 puntos máis, respectivamente que en 2008. Pola contra, só 7% da poboación entre 5 e 14 anos aseguraba falar sempre en galego, chegando esta cifra a 11,9% para as persoas entre 15 e 29 anos, o que representaba un descenso respectivamente de 8,2 e de 6,6 puntos en relación ao exercicio de 2008.

O documento debuxaba unha situación do idioma particularmente complicada entre a mocidade. Segundo os datos fornecidos polo IGE, 70.891 mozos e mozas entre 5 e 14 anos, isto é 32,4% desa faixa de idade, recoñecían en 2023 a súa imposibilidade para expresarse nesa lingua. A cifra representaba un incremento de máis de 110% en relación a 2008, cando 33.639 rapaces e rapazas menores de 15 anos, 16,33% das persoas incluídas nesa faixa de idade, respondían non ser quen de falar en galego.

A substitución do galego polo español na escola

As cifras incidían no papel decisivo xogado pola escola na substitución do galego polo español nas idades temperás, Neste punto, os números presentados polo IGE destacaban que 3,4% recibían todas as aulas en español, 26% recibían as aulas maioritariamente en español, 56,6% recibían o mesmo número de aulas en español en galego, 12,9% recibían máis aulas en galego que español e só 3,4% recibían todas aulas en galego.

Os datos achegados polo IGE correspóndense con persoas escolarizadas desde a entrada en vigor en 2010 do Decreto do plurilingüismo imposto pola Xunta da Galiza. A citada norma prohibe a existencia de liñas públicas de ensino íntegro en galego e impide impartir aulas de Matemáticas en galego na etapa de Educación Primaria e de Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía na Educación Secundaria.

O Decreto do plurilingüismo é a clave de bóveda da política lingüística do Goberno galego. O mesmo marca os límites do galego, exclúeo de determinados ámbitos e determina a relación coa lingua da mocidade en idade escolar, precisamente aquela que menos fala en galego. A norma atende a unha consideración ideolóxica sobre o galego no marco dun debate de fondo sobre o modelo do Estado.

A aprobación do Decreto de plurilingüismo veu precedido dunha dura campaña do PP contra o galego durante a primeira década so século XXI, onde xogou un papel importante a plataforma Galicia Bilingüe, de cuxos actos participou Alfonso Rueda, sustentada na suposta vulneración dos dereitos dos españolfalantes en base a unha presunta lexislación que impoñía o uso do galego.

Un programa político

O discurso da imposición lingüística é a xustificación teórica ao  Decreto de plurilingüismo e o acompañante ideolóxico das políticas de persecución contra o galego. Galiza converteuse así no laboratorio da nova proposta lingüística do Partido Popular, aplicada posteriormente nas Illes Balears e pensada para pór en práctica en Euskadi e Catalunya cando a correlación electoral o permitira.

O relato da imposición lingüística é outro produto da factoría da Fundación de Análise e Estudos Sociais (FAES) de José María Aznar, no marco do seu programa de recentralización do Estado enunciado doutrinalmente a partir da formulación do concepto de patriotismo constitucional, reelaborado en base á idea homónima do pensador alemán Jurger Habermans e recuperada para o caso español polo dirixente socialista Juan José Laborda.

Comentarios