O PP rexeita as emendas e avala en solitario a tramitación da lei que pon fin á CRTVG

A nova Lei de medios públicos da Galiza continuará a súa tramitación no Parlamento e farao co único apoio do PP, que malia as súas chamadas ao "consenso" rexeitou onte as emendas da oposición a un proxecto que pon o fin á CRTVG para dar paso á Corporación de Servizos Audiovisuais da Galiza (CSAG).

Diego Calvo, Olalla Rodil e Silvia Longueira este 28 de xaneiro no Parlamento da Galiza. (Foto: Arxina)
Diego Calvo, Olalla Rodil e Silvia Longueira este 28 de xaneiro no Parlamento da Galiza. (Foto: Arxina)

En 2025 fanse 40 anos do inicio das emisións da radio e televisión galegas, un aniversario que o PP pretende celebrar aprobando unha nova lei para os medios públicos da Galiza que foi quen, nestes meses, de sumar o rexeite da oposición parlamentaria, a representación do cadro de persoal da CRTVG, dos sindicatos, as entidades de defensa do galego ou asociacións de xornalistas, entre outros. No obxectivo de aprobar esta lei o PP deu esta segunda feira—e deuno en solitario— un paso máis: avalou que continuase a tramitación parlamentaria deste proxecto, de lei denominado oficialmente De servizos dos medios públicos de comunicación da Galiza para a sociedade dixital, e que poría punto e final á CRTVG para crear a Corporación de Servizos Audiovisuais da Galiza (CSAG). O PP empregou a súa maioría para rexeitar as emendas de devolución presentadas polo BNG e o PSdeG, así como o texto alternativo que propuxo a formación nacionalista. O proceder dos populares nas votacións borrou as manifestacións feitas apenas minutos antes polo conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, desde o estrado da Cámara, onde manifestou a "plena disposición ao consenso" por parte do PP en torno a este texto.

Dous son os motivos que partilla a oposición, non só parlamentaria, a este proxecto de lei: que "blinda" e "reforza" o control do Executivo galego sobre os medios públicos e que abre a porta a que o español entre e se asente neles, o que supón un torpedo contra un dos principios fundamentais que en 1985 se estabeleceron para a creación da radio e televisión galegas, a defensa e promoción da lingua e da cultura da Galiza. Nada diso semellaba preocupar esta segunda a Diego Calvo. Ante unha ringleira de cadeiras azuis baleiras —as que ocupan na Cámara os membros do Goberno galego—, que só se foi completando unha vez rematado o debate e cando se ía votar; o conselleiro da Presidencia dixo que esta lei "reforza a pluralidade nos medios públicos". Gabouse dun "proceso transparente e participativo" para facer este proxecto e defendeu que a "profunda transformación" dos medios dixitais obrigaban a elaborar unha nova norma. Ademais, enfatizou que a defensa do galego nos medios públicos "é innegociábel" e que esta garantida coa nova lei que se tramita. A principal entidade en defensa do galego, A Mesa pola Normalización Lingüística, considera, porén, que "abre a porta a que a televisión pública da Galiza abandone o uso do galego".

"É unha lei avanzada", concluíu Calvo, "unha lei que plasma as nosas conviccións galeguistas".

Persoal da CRTVG concentrouse diante do Parlamento da Galiza co apoio de entidades sociais, sindicais e de defensa da lingua. (Foto: Arxina
Persoal da CRTVG concentrouse diante do Parlamento da Galiza co apoio de entidades sociais, sindicais e de defensa da lingua. (Foto: Arxina)

Rodil: "Toman por asalto os medios públicos"

"Esta lei nin é transparente, nin é plural, nin é participativa", afirmou no inicio da súa intervención Olalla Rodil (BNG). A deputada nacionalista dixo que o PP só ten un obxectivo con esta norma,  é "pór a dedo unha persoa que continúa a facer de correa de transmisión do PP nos medios públicos". Olalla Rodil engadiu, para alén deste, outros motivos polos que o BNG se opón a este proxecto: "Por vez primeira na historia da CRTVG" ábrese a porta a contidos en español e "fulmina" ferramentas participación como o Consello de Informativos ou o Estatuto Profesional. "Vostedes toman por asalto os medios públicos", enfatizou, afirmando que con este camiño "a CRTVG é cada vez máis TelePP". Neste sentido, a deputada informou dun estudo interno da propia compañía no que se recollía unha enquisa que sinalaba que 51,4% das persoas enquisadas crían que a información da CRTVG "non é plural".

O BNG defendeu un texto alternativo ao presentado polo Goberno galego. Propuña que os órganos de Goberno se elixisen por un proceso de concurso público "con criterios obxectivos e profesionais", así como crear un Consello que velase pola "imparcialidade e profesionalidade" no ente. "Presentamos este texto", explicou a deputada nacionalista, "para defender o servizo público e unha CRTVG ao servizo do pobo galego".

Pola súa parte, a deputada Silvia Longueira (PSdeG) expresou o rexeite o seu grupo a esta lei.

Longueira: "É un deliriode poder e control" 

"Esta lei é un delirio de poder e control", criticou a deputada socialista. O PP ao longo destes anos, aseverou Longueira, "transformou" os medios públicos galegos "nunha sucursal mediática do partido do Goberno galego". A socialista acusou os populares de "transitar a fina liña entre crueldade e desinformación" con este proxecto, e responsabilizounos de que os medios públicos galegos teñan unha "liña editorial tan plural como un monólogo".

Tareixa Navaza: "É unha aberración"

Mentres este debate se producía no pazo do Hórreo, ás súas portas unha concentración da plataforma Liberemos A Galega denunciaba esta nova Lei de medios. A histórica xornalista Tareixa Navaza exerceu de portavoz das concentradas para cualificar de "aberración total e absoluto" o proxecto defendido polo PP. "Tiran polo chan compromisos na fundación dos medios públicos galegos como os que ten coa lingua", criticou, e afirmou que o Partido Popular actúa como "trumpistas".

Tareixa Navaza afirmou que "unha porcentaxe altísima" da cidadanía galega "ten claro" que quere unha radio e televisión galegas "plurais" —"recollemos máis de 20.000 sinaturas contra esta lei"— e preguntouse "onde están os profesionais  [da prensa] de renome que andan por tantas tertulias á hora de defender estes medios?".


A folga cancela varios programas e altera a programación da TVG e RG

Folga de 24 horas na CRTVG convocada polo Comité Intercentros para mostrar o rexeitamento do cadro de persoal ao proxecto de lei de medios públicos que esta segunda se admitiu a trámite no Parlamento. "Non é que esta norma represente un retroceso, e que é unha tomadura de pelo", manifestou a Nós Diario, Raquel Lema, presidenta do Comité de Folga.

"Confiamos en que finalmente non se aprobe, porque xa advertimos agora que tal e como está, esta lei non vai traer a paz social á CRTVG, o que vai facer é agravar a situación", explica. Lema cualifica de "moi alta" a participación na folga, ao redor de 67%, e informa de que o paro cancelou programas como o Zig Zag, as emisións de deportes nos informativos da TVG e Radio Galega ou tamén O Termómetro. "Estamos satisfeitas coa convocatoria", indica. Explica a sindicalista que o Comité Intercentros, representación legal do persoal, remitiu aos tres grupos parlamentarios (PP, BNG e PSdeG) as súas propostas para a nova lei. "Propomos, entre outras cuestións, blindar a produción propia nos servizos de informativos e que se manteña e se cumpra o Consello de Informativos e o Estatuto Profesional". 

A compañía cifra en 33% o seguimento

Desde o Gabinete de Prensa da CRTVG, a preguntas de Nós Diario, cifran o seguimento da folga en 33,2% do cadro de persoal. " A afectación en canto a programas da Radio Galega: Pensando en ti e Diario Cultural. Na TVG : O Termómetro, que non se emitiu, e as seccións do Tempo e Deportes do informativo.

Comentarios