Entrevista

Davyth Hicks, secretario xeral de ELEN: "Como pode Rueda oporse á oficialidade do galego na UE?"

Davyth Hicks (Cornualles, 1967) pertence á orgullosa minoría de falantes de córnico, unha lingua milenaria que na súa nación celta intentan recuperar. E aí xoga un papel chave a Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN, en inglés), da que é secretario xeral e que desde esta sexta feira ten a súa Asemblea Xeral en Barcelona.
Davyth Hicks, durante a entrevista con 'Nós Diario', en Barcelona. (Foto: Yuri Carrazoni)
Davyth Hicks, durante a entrevista con 'Nós Diario', en Barcelona. (Foto: Yuri Carrazoni)

—Hai catro anos, noutra entrevista para Nós Diario, falabamos do declive do córnico até quedar con só tres falantes a comezos do século pasado e a súa paulatina recuperación desde aquela para alcanzar un milleiro de persoas. Cal é hoxe a situación desta lingua?  
Vexo unha situación estábel. Creo que hai moito máis interese polo idioma, máis mozos están a aprendelo e a utilizalo. Toda esa fase de sensibilización que houbo hai dez anos tivo efecto e agora a xente ten tamén exixencias maiores sobre a ensinanza do idioma. O córnico desaparecera como lingua comunitaria, só o coñecían unhas poucas persoas, e agora foi revivido. Está volvendo e faino con forza. Porén, o maior obstáculo é a falta total de apoio do Goberno. Cornualles, a diferenza de Gales ou Escocia, non está descentralizada, e non podemos decidir canto destinar á lingua, temos que ir a Westminster. Hai cinco anos recibiamos unhas 100.000 libras; até iso nos recortaron. Mais agora, tras as eleccións, temos algúns deputados laboristas moi comprometidos co idioma que estiveron presentando proxectos interesantes. É moi alentador.

—A xente nova é fundamental...  
Claro. Os políticos ven que hai un grande apoio entre a sociedade córnica, un apoio abraiante. Por que non se ensina nas escolas? Nós queremos o que Gales ten, por que non podemos telo? Algúns profesores ensinan algo de córnico, mais son casos illados. Precisamos que sexa sistemático.

—Como se revitaliza un idioma?  
É unha pregunta difícil. Para min, a clave está en recuperar a transmisión interxeracional. O mellor sempre será que os pais novos transmitan a lingua ás súas crianzas, pois medrarán con ela e entenderana como algo innato. Non podemos obrigar a xente a facelo, mais si facilitar o contexto. Como podemos facer que no patio da escola se fale galego? Podes ir ao Concello e falar en galego? Se vas a unha tenda, a un taller... podes usar o idioma? E se non é así, que o impide? Aquí é onde entran en xogo os dereitos lingüísticos, as leis, e o traballo de ELEN. Queremos poder vivir no noso idioma. É todo unha cuestión de prestixio, por iso me chama a atención que o presidente da Galiza, [Alfonso] Rueda, diga que o galego non debe ser unha lingua oficial na UE, cando iso melloraría o seu status e crearía postos de traballo, como xa vimos co irlandés. Como é posíbel? Como pode saír da casa sen avergoñarse de traizoar así o seu propio país?

—Seguindo co caso da Galiza, hoxe temos menos falantes de galego que cando nos vimos hai catro anos, e perde forza sobre todo entre a xente nova. Que cre que debería facer o Goberno galego para impulsar o idioma?  
Creo que A Mesa [pola Normalización] ten todas as respostas e xa ten presionado o Goberno galego co que debe facer. Eu non estou ao tanto de toda a situación, pero sei que o Goberno galego bloquea practicamente calquera mellora. E aínda que a sociedade civil sexa quen o impulse, precísase o Goberno. Cando tes unha lingua próspera e invistes nela, o resultado é unha sociedade próspera económica, política e culturalmente. Galiza sen o galego sería un lugar máis pobre, non só cultural e lingüisticamente, senón tamén economicamente. Sería só unha zona remota de España e non tería toda unha economía arredor da lingua: unha escola en galego, unha prensa en galego...

—Recentemente destacaba vostede que 84% da poboación europea demanda unha maior protección das linguas por parte da Unión Europea. Que medidas serían precisas ao respecto?  
Cando se obtén unha cifra tan alta no Eurobarómetro significa que a UE debe actuar. Xa non o piden só os galegos, os cataláns e os vascos, senón toda a sociedade europea. E unha das cuestións máis importantes é: por que a UE fixo esta pregunta? Deben estar a pensar en algo, non si? E isto relaciónase co que vimos facendo. A UE está obrigada a actuar, ao abeiro do Tratado de Lisboa, para protexer as minorías, debe facer algo polas minorías lingüísticas. Son tempos interesantes, vemos unha nova vía de oportunidades para mellorar as cousas.

Os retos de ELEN de cara ao futuro

A Asemblea Xeral de ELEN que onte comezou e hoxe continúa en Barcelona é a máis numerosa desde o nacemento da rede en 2011, con 182 entidades que representan 51 linguas de 25 Estados diferentes –entre elas, A Mesa pola Normalización Lingüística–. A mocidade e os factores socioeconómicos que poden condicionar o uso dunha lingua son dous dos eixos que centran este encontro, así como a necesidade de abordar unha revisión da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos e a estratexia a adoptar diante da Unión Europea. Tamén cobra especial importancia o uso social da lingua na rede, un contexto fundamental para o seu desenvolvemento. Se ben en liñas xerais abre un amplo abano de oportunidades, Hicks destaca que "existe unha fenda dixital e as nosas linguas, e tamén linguas europeas de tamaño medio como o grego ou o sueco, están a quedar atrás" neste novo escenario.

Comentarios