Leria, A Banda da Loba e 100 medidas para mellorar a situación do idioma: Amega celebra o Día dos Medios en Galego

Cada 7 de febreiro, Galiza celebra o Día dos Medios en Galego. Faino co gallo do aniversario da saída da primeira publicación xornalística realizada integramente en galego, 'O Tío Marcos d’A Portela', que foi editada por Valentín Lamas Carvajal no ano 1876.

Presentación do Día dos Medios en Galego 2025. (Foto: R. S.)
Presentación do Día dos Medios en Galego 2025. (Foto: R. S.)

O presidente da Asociación de Medios en Galego (Amega), Pablo García Fernández, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron esta quinta feira nunha rolda de prensa desde o Centro Ramón Piñeiro, en Compostela, as diferentes actividades que organizou a entidade para celebrar o Día dos Medios en Galego o vindeiro 7 de febreiro.

Neste 2025, baixo o lema 'A Lingua que nos une', Amega –da que fai parte Nós Diario canda outros 140 medios que empregan a lingua propia do país–  decidiu pór o foco na función social dos medios de comunicación. "Porque máis alá da nosa labor informativa, somos axentes de cohesión, xeradores de debate, de espazos de liberdade, e fiscalizadores do poder. Somos a garantía de que todas as voces sexan escoitadas, de que todas as inxustizas sexan denunciadas, de que ningún recuncho da nosa terra quede á marxe da información", sinalou o presidente da asociación.

García Fernández, asegurou que o Día dos Medios en Galego vai moito máis alá dunha simple conmemoración. "É unha reivindicación do papel fundamental que os medios de comunicación teñen no avance da nosa sociedade, no fortalecemento da nosa democracia e como garantes de dereitos e liberdade".

Incidiu, ademais, no importante labor que fan os medios en galego na preservación e promoción da nosa lingua e cultura. "Son eles os que nos permiten escoitar, ler e ver o mundo desde a nosa propia identidade, sen filtros alleos que distorcen a nosa realidade. Son a proba de que o galego non é só unha lingua do pasado, senón unha ferramenta de comunicación plena, válida e necesaria para o presente e para o futuro", sentenciou.

Por estes motivos, unha das iniciativas que pon en marcha este ano Amega é a elaboración de 100 medidas para mellorar a situación do galego. Desde o 7 de febreiro estará habilitada a páxina web medidas.gal a través da que se convidará a cidadanía a facer as súas achegas.

Pola súa parte, o secretario xeral de Política Lingüística destacou que este evento, ademais de xuntar medios galegos, tamén reúne "outra parte moi importante da comunicación como son os receptores e receptoras".

Deste modo, García subliñou o feito de que hoxe en día haxa máis de 140 medios que empreguen o galego, "unha cifra que hai anos nos parecería incríbel e que nos obriga aos que temos responsabilidades públicas a seguir apoiando e a traballar na liña de que cada día sexamos máis".

Concerto na Coruña

Como principal acto desta celebración, o mítico Playa Club da Coruña acollerá o propio 7 de febreiro ás 21.30 horas un concerto de Leria e da Banda da Loba, "dous grupos que conxugan os valores e a esencia deste Día dos Medios en Galego". As entradas, que xa están á venda, teñen un custo de sete euros.

Andrea Porto, da Banda da Loba, así como Helena Barreiro e Andrea López, de Leria, sinalaron a importancia deste tipo de actividades "porque é certo que fai falla dar máis visibilidade á nosa lingua". Ademais, destacaron o papel dos medios en galego como difusores dunha axenda cultural propia.

Comentarios