'Lingua vital xa! Paremos a emerxencia lingüística', o lema co que Queremos Galego urxe a mobilizarse polo idioma
Queremos Galego presentou esta cuarta feira na libraría Couceiro de Compostela a manifestación que, co lema ‘Lingua vital xa! Paremos a emerxencia lingüística’, decorrerá o 23 de febreiro na capital da Galiza, con saída desde a Alameda e remate na praza do Obradoiro. En presenza de representantes de 20 entidades políticas, sociais e sindicais, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz de Queremos Galego, Marcos Maceira, e a coordinadora de Queremos Galego, Celia Armas, argumentaron a "urxente" necesidade desta mobilización.
"Foi necesaria unha multitudinaria asemblea o pasado 17 de novembro para que o conselleiro de Cultura e Lingua accedese a recibir A Mesa o 23 de decembro", sinalou Maceira, "e nese encontro mostramos a nosa disposición á reactivación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega como grande acordo nacional pola lingua", engadiu. Porén, as propostas que A Mesa achegou, como a eliminación de restricións ao galego no ensino, asegurar a oferta positiva en todos os servizos públicos e privatizados ademais de recuperar o papel normalizador da CRTVG así como aplicar o Plan Xeral, afirma que "non se están levando a cabo".
Sen noticias da comisión
Entre as medidas que solicitou A Mesa á Consellaría estaba a realización dun proceso "amplo, plural, participado e transparente, ademais de precedido de pasos por parte da Xunta que mostrasen a vontade e compromiso" da Administración. Pola contra, Maceira aclarou "que desde hai un mes non teñamos máis noticia que o nomeamento unilateral dunha comisión da que descoñecemos o seu funcionamento, os seus obxectivos e como se asumirán os seus acordos xa o di todo sobre o que entenden por participación e transparencia".
Para o portavoz de Queremos Galego, "o máis grave é observar que, lonxe de pretender a aplicación do Plan Xeral e actualizalo, o que realmente pretende a Xunta é un novo plan á medida de Alfonso Rueda para derrogar a oficialidade formal do galego". Neste sentido, Maceira apuntou que ao presidente da Xunta "non lle vale o aprobado unanimemente hai 20 anos nin sequera tendo atinxido a emerxencia lingüística".
O Día de Rosalía
"Estamos asistindo a un pacto pola morte do galego, a nosa lingua e a que nos identifica como pobo e como nación", alertou Celia Armas. A coordinadora de Queremos Galego anunciou unha campaña que decorrerá desde hoxe e até o propio 23 de febreiro. "Eliximos esta data simbólica por ser a que conmemora Rosalía de Castro, que foi quen de rexurdir a presenza da nosa lingua na escrita", explicou Armas na rolda de prensa, "e este rexurdimento é o que pretendemos que renaza agora tamén".
Coa idea de "chamar a Administración a que comece a facer o traballo que deixou nas mans do pobo desde hai anos", xa se realizaron vinte e un plenarios locais do colectivo. Neles aprobáronse varias mobilizacións previas á manifestación do 23 de febreiro.

