Fracaso do decreto do PP: menos competencia entre o alumnado e menos uso do galego na mocidade
- "Rodea de vermello todas as letras 'm' e de laranxa todas as 'n' que aparecen no texto. -"De que, profe?". - "De vermello os 'm' e de laranxa os 'n'". - "Pero, ¿de qué, profe, de 'laranja' y de qué?".
Dúas nenas e dous nenos de 1º de Educación Primaria dun colexio plurilingüe dun concello afastado das grandes cidades e pertencente a unha comarca do interior da Galiza fitan con cara de incredulidade a profesora. Non a entenden. Descoñecen as palabras "vermello" e "laranxa". No mesmo centro público, en 5º de Primaria, cando a mestra explica o til diacrítico e as diferenzas entre 'cha' e 'chá', un alumno de 11 anos apresúrase a dicir que "Chá con tilde es cuando tienes prisa: fai iso chá", di, confundindo o 'chá' substantivo ou adxectivo co 'xa' adverbio.
O descrito por unha mestra de Educación Primaria non é, infelizmente, unha excepción. Forma parte da paisaxe lingüística que conforma o alumnado das etapas de Infantil, Primaria e Secundaria, non por acaso son as xeracións académicas educadas co coñecido como 'decreto do plurilingüismo', que entrou en vigor en 2010 e que reduciu a presenza do galego, até o punto de prohibilo como idioma vehicular en materias como Matemáticas, Física e Química.
O informe presentado esta cuarta feira polo Consello da Cultura Galega (CCG) constata a realidade exposta e ofrece dúas conclusións preocupantes para o futuro da lingua propia: Galiza é a única comunidade do Estado onde o uso do seu idioma cae canto máis novos son os seus falantes e tamén é a única comunidade onde as persoas novas presentan niveis de competencia máis baixos que as maiores.
Rosario Álvarez, presidenta do CCG, organismo dependente da Xunta da Galiza, recoñeceu esta cuarta feira que a situación do galego é "catastrófica", se ben chamou a non "deixarse arrastrar polo pesimismo". "As cifras que están sobre a mesa son o suficientemente claras e demandan outro tipo de actuacións", engadiu na rolda de prensa en que deu a coñecer o informe xunto á vicepresidenta, Dolores Vilavedra, e o coordinador do Observatorio da Cultura Galega, Hakan Casares.
O documento, que supera as 100 páxinas, baséase en datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) que permiten realizar unha análise comparativa entre a situación do galego, o euskera (en Euskadi e Nafarroa) e o catalán (en Catalunya, Valencia e Balears) e chega apenas tres meses despois de ver a luz a enquisa do Instituto Galego de Estatística (IGE) que evidencia o agravamento da caída de galegofalantes e que o español é o idioma maioritario na Galiza.
Os efectos do decreto
O documento do CCG dado a coñecer esta cuarta feira sitúa Galiza como a comunidade coa maior porcentaxe competente no uso da lingua, por diante de Catalunya: o 92,7% entende ben o galego, o 83,6% leo ben, o 83,1% fálao ben e o 73,3% escríbeo ben. Mais unha análise pormenorizada das cifras por idade confirma a alarma: nas outras comunidades autónomas estudadas, as persoas menores en idade escolar adoitan rexistrar as competencias máis elevadas, mentres que na Galiza, a poboación escolarizada presenta un diferencial negativo.
"Este patrón suxire unha menor efectividade das políticas educativas no reforzo do galego, en oposición ao impacto máis positivo noutras comunidades", conclúe o CCG, nunha chamada de atención velada aos prexuízos do decreto do plurilingüismo aprobado polo primeiro goberno de Alberto Núñez Feixoo á fronte da Xunta da Galiza, e no que ocupaba a Consellaría de Presidencia o actual xefe do Executivo, Alfonso Rueda, que un ano antes participaba nunha manifestación de Galicia Bilingüe contraria ao galego.
"As competencias amosan tamén diferenzas entre Galiza e outras comunidades segundo a idade. Galiza é a única onde as persoas novas presentan niveis de competencia máis baixos, mentres que noutras adoitan ser precisamente as que mellor dominan a lingua propia", recolle o informe. A falta de competencia entre as persoas menores de 16 anos que mostra este informe -na liña doutros publicados pola Real Academia Galega- contradín o argumentario da Xunta da Galiza, que nos últimos anos apuntou que a situación do galego non ten a ver coa competencia lingüística do alumnado, senón co seu uso. Os datos, di o CCG, "evidencian un patrón de perda interxeracional na capacidade para entender, falar, ler ou escribir en galego, xa que a xuventude presenta menores competencias que as xeracións maiores, o contrario ao observado no resto de comunidades con lingua cooficial".
Competencia e uso
"Nas comunidades autónomas con lingua cooficial, o uso frecuente da lingua aumenta a medida que mellora o nivel de competencia, como era previsíbel", defende o informe do CCG, que apunta que Galiza "lidera no uso entre persoas con competencias medias-baixas, pero queda en posicións intermedias no segmento de competencias altas".
Así, ponse de manifesto que "as capacidades dos que non remataron os estudos obrigatorios destacan por seren inferiores ás doutros territorios con linguas cooficiais". Segundo os datos do INE reflectidos no estudo, "o 65,1% dos escolares galegos afirma falar ben en galego, mentres que en Catalunya esta porcentaxe ascende ao 82,7% e no País Vasco ao 73,2%. De forma semellante, a capacidade de escribir con corrección na Galiza sitúase no 60%, fronte ao 66,3% en Catalunya e o 60,7% no País Vasco e valores similares noutras comunidades como Balears (63%)".
Foro participativo
Neste contexto, o CCG urxiu a "intervir no ámbito escolar e na transmisión interxeracional" e deu a coñecer o "Foro participativo: un país coa súa lingua", coordinado por Vilavedra, quen advertiu de que "non imos ollar cara ao pasado" e "xa hai evidencias de medidas que fracasaron".
Tras realizar seis xornadas sobre o galego nos ámbitos "Educación e socialización" (moderada por Nel Vidal); "Administración, xustiza e servizos públicos" (moderada por Alba Nogueira); "Sanidade, ciencia e servizos sociais" (moderada por Iolanda Casal); "Comunicación, cultura e acción exterior" (moderada por Marta Veiga); "Economía, turismo e deporte" (moderada por Jackson R. Rodriguez Soares) e "Sociedade, crenzas e participación comunitaria" (moderada por Rosalía F. Rial), o CCG conta con presentar propostas "de implementación inmediata e grande impacto social" para dinamizar o galego.
O foro é "complementario" ao coñecido como "Pacto pola Lingua" dirixido polo PP desde a Xunta da Galiza, que non contempla a derrogación do decreto do plurilingüismo nin o desenvolvemento do Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado por unanimidade en 2004.
Ao contrario que en Catalunya ou Euskadi: A maior renda, menor é o uso da lingua galega
O informe do Consello da Cultura Galega mostra a relación positiva entre o nivel de ingresos e o uso das linguas distintas ao español en Catalunya, Euskadi e Balears. “Os grupos de ingresos máis altos presentan un maior uso das linguas propias, especialmente en ámbitos formais, onde superan o 70% en Catalunya e o 36% no País Vasco”, recolle o CCG, que conclúe que este comportamento é asociado ao “prestixio cultural e educativo que teñen estas linguas en sectores de alto nivel socioeconómico”.
Pola contra, engade o estudo, Galiza “destaca como unha excepción relevante, cunha correlación negativa: os grupos con ingresos máis baixos utilizan o galego con máis frecuencia. Esta singularidade pode estar vinculada a cuestións de prestixio social ou á percepción da lingua como máis asociada a ámbitos tradicionais ou culturais, en contraste coas dinámicas institucionais e profesionais observadas noutros territorios”.
A lingua inicial determina o uso
A respecto da lingua inicial, o informe do CCG advirte dunha tendencia clara, pois “determina en gran medida o uso do idioma propio. Porén, o uso do galego diminúe progresivamente entre as persoas criadas nesta lingua a medida que se afastan do núcleo familiar, con caídas marcadas no ámbito laboral e educativo”.
“Galiza enfróntase a retos importantes para manter o uso do galego, especialmente entre as persoas criadas nun ambiente bilingüe ou exclusivamente castelán”, admite ao respecto o documento, que evidencia o fracaso da política lingüística do PP desde 2010.
Prestixio social
O estudo tamén reflicte a situación de diglosia característica da realidade galega, "en ámbitos formais como o laboral ou educativo, Galiza presenta un uso menor incluso entre aqueles con competencias altas, o que indica que factores externos á competencia, como o prestixio social, limitan o emprego do galego". De feito, os usos "relativamente elevados do galego" en comparación coas outras autonomías, danse en contextos informais. "O vínculo negativo entre nivel educativo ou ingresos e uso do galego reflicte unha percepción de menor prestixio social e utilidade da lingua en ámbitos formais e profesionais", conclúe o informe, que apunta aos "desafíos estruturais e sociais que limitan a normalización da lingua".


