A Xunta informa dos buses a 'Orense' e a 'Cúbrelos'

A deturpación da toponimia é unha das queixas máis recorrentes entre a cidadanías, nas redes sociais mais tamén ante a Valedora do Pobo.

 

Unha imaxe da pantalla informativa. (Foto: @sermenfer) #lingua #topónimos
photo_camera Unha imaxe da pantalla informativa. (Foto: @sermenfer)

Vivir en galego. Foi a reinvindicación que inundou as rúas da Galiza o pasado 17 de maio coincidindo co Día das Letras. Un chamamento a mudar a política lingüística mais a respectar a actual lexislación sobre os usos do idioma, en especial, os dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes.

A defensa do galego "en todo e para todo" é unha constante. É un dereito recollido na declaración universal dos dereitos humanos, o pacto internacional dos dereitos civís e políticos e na Carta Europea das Linguas. Mais para a lingua do país aínda está por conquistar.

No ámbito da xustiza, da sanidade, do comercio e da cultura. Porén, a deturpación da toponimia é un dos principais cabalos de batalla, na sinalización dos lugares, na cartelaría de eventos e mesmo en pantallas de aviso da propia Administración.

A deturpación de Ourense e de Currelos, no concello do Saviñao, -'Cúbrelos', na pantalla que informa das liñas de autobús na comarca de Terra de Lemos- é o último exemplo, censurado en redes sociais, que vén sumarse a outros recorrentes na Arousa ou na illa da Toxa, cando a única forma oficial e lexítima dos nomes de lugar é galega.

Outras queixas

As queixas ante a Valedora por vulneración de dereitos lingüísticos duplicáronse en 2021. O aumento do número de expedientes que chegaron a esta institución da conta das infraccións mais tamén reflicten o interese da cidadanía por deixar constancia das transgresión e exixir o cumprimento da lei.

Casos coma este tamén chegan á Liña do galego, o servizo da Mesa pola Normalización Lingüística para consultas, queixas e parabéns relacionadas cos dereitos lingüísticos.

Tamén de quen busca gozar do ocio na súa lingua e bate con museos nos que a lingua "case non existe".

A denuncia pública pon de manifesto a falta de compromiso de compromiso dun dos museos científicos da Coruña co galego nas súas salas de exposición, de cara a unha actividade divulgativa que as usuarias demandan tamén en galego.

Comentarios