Leonor Parcero: "O galego é válido, como calquera outro idioma, para facer divulgación científica"

Leonor Parcero, presidenta da asociación galega de comunicación científica desde 2015. O 3 de xuño participará nun faladoiro organizado por CaixaForum en Madrid sobre divulgación científica nas linguas cooficiais do Estado español. Nós Diario interesouse pola situación lingüística neste ámbito.   
A presidenta da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica, Leonor Parcero (Esteban Vázquez).
photo_camera A presidenta da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica, Leonor Parcero (Foto: Esteban Vázquez).

-Como será a súa intervención? Goza de boa saúde a divulgación científica en galego?

Explicarei a situación do galego ao longo da historia, desde o momento en que era lingua culta, os séculos escuros e a parte do franquismo en que o galego pasou a ser proscrito e quedou ese estigma como de pobres e non de cultura. Aínda hoxe parece que a única lingua válida para comunicar a ciencia é o inglés, xa non digo o castelán, cando o galego é igualmente válido como calquera outro idioma para facer divulgación científica. 

Nós o que queremos é chegar á xente, comunicar un coñecemento e involucrar a cidadanía no proceso científico, de como se fai e dos resultados que obtemos. Para iso hai que facelo dunha maneira entretida e, sobre todo, conectando coas emocións, e non hai mellor maneira que facelo no propio idioma.

É a intuición que temos as persoas que traballamos en comunicación para conectar coa audiencia. Confirmouno un proxecto europeo no que participou a Axencia española de comunicación científica, que, a partir de enquisas á cidadanía, certificou que e a xente reclama que se comuniquen os contidos científicos nos idiomas cooficiais.

-Que traballo fai Divulgacción a prol do galego? 

En Divulgacción recollemos nos nosos estatutos que traballamos a prol do galego na comunicación científica e na ciencia. Os nosos socios poden empregar a lingua que decidan, mais no noso caso normalmente é en galego. Non por imposición da propia asociación, senón polo noso compromiso de visibilizar e deixar claro que o galego é perfectamente válido para comunicar a ciencia e facer divulgación. 

Agora non temos apoios para facer a divulgación científica en galego. Había co goberno anterior á chegada do PP unhas axudas que se chamaban Diverciencia, nas que o requisito era a lingua galega. Despois deixou de ser obrigatorio. Malia todo, hai moita oferta de ciencia en galego e tamén moita demanda. Temos medios de comunicación, como GCiencia, coleccións de libros en Xerais, Galaxia... Na maior parte das actividades tamén se emprega o galego por existir unha intercomprensión alta co castelán e non supor ningún problema. 

Na Galiza tempos moita actividade de divulgación científica, non todos os lugares poden dicir o mesmo. Pensa que somos máis de 100 membros, unha cifra importante para o tamaño do país. Temos moitas e moitos divulgadores de referencia e fomos pioneiras en formatos como os cafés-teatro científicos que comezaron Xurxo Mariño e Casto Rivadulla. Ademais temos a sorte de que todos os nosos referentes de divulgación científica usan o galego con toda normalidade por ser a súa lingua habitual. Tamén hai quen veñen doutras linguas mais decidiron transmitir a ciencia e galego.

-Cal é a parte negativa?  

Algunhas das problemáticas que temos é que a rapazada non ten contacto coa ciencia en galego porque na ESO non está permitido. Persoalmente non me parece moi boa idea. Pasa nas universidades tamén cando fas a intervención en inglés... para min non ten ningún sentido. Na medida do posíbel tes que utilizar a lingua compartida. Tamén a linguaxe, empregar o seu rexistro para poder conectar.

-E o futuro?  

Hai un relevo xeracional e moitas mulleres. Vemos que hai movemento nas redes sociais, como o proxecto de Laura Veiga "Pingando", de divulgación menstrual. Por outro lado, seguimos precisando vocabulario científico-técnico malia facerse cada vez máis dicionarios terminolóxicos. Por sorte hai moito activismo por parte da comunidade e engádense termos a partir de varias campañas. 

Comentarios