BNG e outras forzas nacionalistas impulsan unha reforma do Senado para universalizar o uso de todas as linguas

O obxectivo é "conseguir o normal e pleno desempeño dos representantes públicos na Cámara de representación territorial", xunto coa promoción da riqueza derivada da pluralidade lingüística, así como o dereito da cidadanía para ser atendida na lingua oficial que elixa.
Representantes das formacións políticas impulsoras da norma. No centro, a senadora do BNG, Carme da Silva. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Representantes das formacións políticas impulsoras da norma. No centro, a senadora do BNG, Carme da Silva. (Foto: Nós Diario)

O grupo de Esquerra Republicana e Euskal Herria Bildu, xunto con Bloque Nacionalista Galego, Compromís, Geroa Bai e EUIB-Ara Eivissa, rexistraron esta sexta feira unha proposta de Reforma do Regulamento do Senado para a utilización "plena e normalizada" do catalán, o occitano —aranés no Vall d’Aràn—, o euskera e o galego na actividade diaria da Cámara alta. A modificación preséntase de acordo co artigo196 do Regulamento do Senado e o 72.1 da Constitución Española.

Os partidos de esquerda e plurinacionais con representación na Cámara coinciden na necesidade de "impulsar as reformas regulamentarias no Senado co fin de ampliar definitivamente o dereito dos representantes públicos dos a realizar o seu labor parlamentario en todas as linguas oficiais do Estado".

A reforma rexístrase despois da "recente e histórica" reforma do Regulamento do Congreso dos Deputados para a integración total das linguas oficiais. O obxectivo desta nova proposta, tal e como explican as diferentes formacións que a impulsan, é "conseguir o normal e pleno desempeño dos representantes públicos na Cámara de representación territorial", xunto coa promoción da riqueza derivada da pluralidade lingüística, así como o dereito da cidadanía para ser atendida na lingua oficial que elixa.

Entre as modificacións que recolle a reforma inclúese que "os senadores e senadoras poderán intervir no Pleno, nas comisións e en toda a actividade parlamentaria, nos órganos funcionais do Senado, así como en todos os seus órganos reitores, e nos actos e actividades de representación oficial en calquera das linguas que teñan o carácter de oficiais nalgunha comunidade autónoma de acordo coa Constitución e o correspondente Estatuto de Autonomía".

Nesta mesma liña, "calquera senador ou senadora terá dereito a interpelar o Goberno en calquera das linguas, así como a formular ao Goberno preguntas —mediante escrito dirixido á Presidencia da Cámara— e a recibir a resposta correspondente ás preguntas de contestación escrita dentro dos trinta días seguintes á súa comunicación, na lingua en que se formularon estas preguntas escritas".

Comentarios