Día das Letras Galegas

Galiza sae á rúa hoxe para reclamar o seu dereito a "vivir en galego"

Queremos Galego pide "celebrar os pequenos pasos e reclamar avances" neste 17 de maio
QUEREMOS VIVIR EN GALEGO (ctnl)
photo_camera Acto de Queremos Galego en Compostela (Foto: Ctnl)

O Días das Letras Galegas ten un duplo carácter cultural/reivindicativo que se plasmará na manifestación que a plataforma cidadá Queremos Galego -integran máis de 500 entidades sociais e culturais do todo o país- levará a cabo hoxe na compostelá Praza do Obradoiro a partir das 11.30 horas. 

A causa da situación sanitaria todas as persoas que serán parte da mobilización tiveron que reservar a súa praza inscribíndose na web queremosgalego.gal, co obxectivo de facilitar o traballo da organización, que distribuirá o espazo entre as primeiras persoas que se inscribiron, mantendo a distancia e cumprindo todas as medidas de seguranza sanitaria.

Para o voceiro da plataforma, Marcos Maceira, os éxitos na denuncia da situación da lingua galega teñen que ir acompañados da mobilización social para revertela e mudar a política lingüística da Xunta e do Estado.

"A sociedade galega mantivo este ano a súa mobilización, con centos de iniciativas para gañar novos espazos para o galego ou evitar retrocesos noutros. Polo tanto, este 17 de maio debemos celebrar os pequenos pasos e reclamar avances nos eidos que a administración da Xunta e do Estado teñen xa que atender, respondendo ás demandas da sociedade galega e das institucións internacionais", engadiu.

A reivindicación é “queremos vivir en galego“. “Queremos vivir en galego con toda liberdade, con total normalidade, sen límites, sen coaccións e sen exclusións, pois podermos usar e dispor da nosa lingua en todo e para todo, porque é un dereito humano recollido na declaración universal dos dereitos humanos, o pacto internacional dos dereitos civís e políticos ou a Carta Europea das linguas", concluíu Marcos Maceira.

Comentarios