Gadis lanza un concurso en TikTok para potenciar o uso do galego entre a mocidade

Esta iniciativa está dirixida a mozas e mozos de entre 18 e 30 anos, que deberán publicar un vídeo orixinal en galego de menos de 60 segundos en TikTok.
Supermercados Gadis. (Foto: Europa Press)
photo_camera Supermercados Gadis. (Foto: Europa Press)

Supermercados Gadis lanza ‘Orixe Zeta, I Concurso Gadis de Nova Creatividade Galega’, no marco do convenio asinado coa Xunta da Galiza. O fin é promover o emprego do galego entre a mocidade, ademais de pór en valor o seu talento creando contidos orixinais neste idioma nas súas redes sociais.

Esta iniciativa está dirixida a mozas e mozos de entre 18 e 30 anos, que deberán publicar un vídeo orixinal en galego de menos de 60 segundos en TikTok. Terá que encaixar nalgunha das seguintes disciplinas: música, poesía, creatividade audiovisual ou creatividade gráfica e compartilo na web www.gadisorixezeta.gal.

O prazo para participar neste concurso xa está aberto até o próximo 17 de setembro.

O xurado elixirá dous gañadores: para o vídeo co mellor contido e para o  que goce de mellor calidade técnica. Serán agasallados cun iPhone 13, MIDNIGHT 128 GB e uns airpods. Entre o resto de participantes, sortearanse 10 vales de compra por valor de 50 euros para utilizar nos estabelecementos Gadis.

Compromiso coa cultura galega

O desenvolvemento deste concurso enmárcase no compromiso de Gadis coa cultura galega dando continuidade no tempo ás accións que leva a cabo ao fío do Día das Letras Galegas. Para achegarse á xeración Zeta, elixiu levar a cabo esta iniciativa nunha das plataformas dixitais que máis empregan no seu día a día, de xeito que poidan expresar o seu talento utilizando este idioma. Preténdese tamén propiciar un espazo inspirador, no que se sintan valorados por amosar a súa creatividade no idioma propio.

Esta acción súmase ao recente lanzamento do 4º Concurso de Microrrelatos de Gadis, coa natureza como tema central. Aínda está aberto o prazo de participación, até o 31 de agosto, para enviar textos breves en galego ou castelán.

“A compañía 100% galega leva máis de dúas décadas impulsando accións e apoiando acontecementos para pór en valor o acervo cultural da Galiza”, indican desde Gadis.

Comentarios