Día das Letras Galegas

Gadis edita un fanzine coa obra de talentos emerxentes que distribuirá nas súas tendas

O volume, titulado 'Tirabeque', contará cunha tiraxe de 30.000 exemplares que se repartirán o 16 de maio.
Presentación da campaña de Gadis.
photo_camera Presentación da campaña de Gadis.

A cadea de supermercados Gadis sumarase á conmenmoración do Día das Letras Galegas coa edición dun fanzine, titulado Tirabeque, que reúne a obra de 12 artistas vinculados á banda deseñada e a ilustración para achegar o uso do galego, especialmente entre a mocidade.

A presentación contou coa presenza do director de Comunicación de Gadisa Reatil, José Luis Fernández Astray; a coordinadora de Marketing Dixital e Contidos da compañía, Alexandra Kuntz; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o artista gráfico Manel Cráneo.

Editaranse 30.000 exemplares do fanzine

"Queremos chegar ao maior número de persoas", destacou Fernández Astray, quen manifestou que o fanzine busca "alcanzar novos perfís de público e potenciar novos talentos". Deste volume, engadiu Alexandra Kuntz, editaranse 30.000 exemplares que se repartirán o día 16 nunha campaña que incluirá tamén a distribución de bolsas de papel reciclado e marcapáxinas.

Manel Cráneo resaltou, á súa vez, a proposta para potenciar o "talento propio" e tamén para "captar ás novas xeracións". Mentres, o secretario xeral de Política Lingüística incidiu na importancia de implicar ao tecido social e económico na promoción da cultura. Tamén remarcou que o fanzine busca achegarse a un público "máis novo". "A lingua pode e debe estar en todos os ámbitos da sociedade", apostilou.

A presentación tivo lugar no marco da colaboración que Gadis e a Xunta da Galiza manteñen logo de que, recentemente, asinasen un acordo de colaboración para promover o uso do galego entre os mozos e mozas en plataformas dixitais. Para iso, ambas as institucións lanzarán un concurso de vídeos de TikTok que se desenvolverá de xuño a setembro.

Comentarios