Francés e holandés non son mesturábeis en Bélxica

Un traballo de investigación do catedrático da USC Jorge Mira xunto co científico Luís F. Seoane, do Centro Nacional de Biotecnoloxía do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) suxire, en termos físicos, que o francés e o holandés en Bélxica non son mesturábeis.
Unha praza de Bruxelas (Foto: Turismo de Bruxelas).
photo_camera Unha praza de Bruxelas (Foto: Turismo de Bruxelas).

Partindo da premisa de que o límite político e territorial de Bélxica é unha consecuencia directa da súa dinámica lingüística interna entre o uso do francés e o holandés, o catedrático da USC Jorge Mira xunto co científico Luís F. Seoane, do Centro Nacional de Biotecnoloxía do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), analizaron no artigo Are Dutch and French languages miscible?, publicado en The European Physical Journal Plus, como se foi producindo a evolución lingüística en Bruxelas a través do tempo.

Bruxelas non só alberga a capital do país, senón tamén a maioría das institucións da Unión Europea, a OTAN e outros axentes políticos. Este é o motivo polo que os físicos entenden que este traballo ten un interese extra como achega á comprensión da estabilidade do país como entidade política nun sentido máis amplo.

Laboratorio social único

Desta maneira, os investigadores botaron man dun sistema de ecuacións diferenciais ordinarias para estudar datos históricos de falantes en diferentes barrios da rexión de Bruxelas-capital, a única zona recoñecida oficialmente como bilingüe pola Constitución de Bélxica

"Bruxelas proporciona un laboratorio social único que amosa como se desenvolve o contacto dunha lingua romance e unha lingua xermánica", explican os científicos.

A división lingüística podería extrapolarse á política, evidenciando se Bélxica constitúe un país estábel.

Ao axustar os parámetros do modelo avaliaron se os dous idiomas poden coexistir a longo prazo, ou se un deles perderá peso co tempo.

Os investigadores constataron unha tendencia xeral das dúas linguas a medrar segregadas, o que suxire, en termos físicos, que estes idiomas non son mesturábeis.

Comentarios