A empresa Enaire inicia un expediente contra unhas traballadoras por usar o galego

A sociedade dependente do Ministerio de Fomento non respecta os dereitos lingüísticos
Protesta no aeroporto de Compostela contra a represión sindical e lingüista. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Protesta no aeroporto de Compostela contra a represión sindical e lingüista. (Foto: Nós Diario)

A empresa pública Enaire, a sociedade dependente do Ministerio de Fomento dedicada á xestión da navegación aérea no Estado, promove un expediente a dúas empregadas que prestan o seu servizo no aeroporto Rosalía de Castro de Santiago Compostela por utilizar o galego na comunicación cos seus superiores, no marco das súas responsabilidades como representantes sindicais da Confederación Intersindical Galega (CIG).

O anuncio de Enaire prodúcese tras recoñecerlle a Inspección de Traballo a estas traballadoras o dereito a empregar o galego “como lingua cooficial” e obrigar a empresa a atendelas.

Segunda sinala a Nós Diario o representante da federación de transportes da CIG, Inácio Pavón, “desde o pronunciamento da Inspección de Traballo a dirección de Enaire tomou directamente a decisión de non responder os nosos escritos. A única resposta é solicitar que llos traduzamos para poder contestalos. A situación chegou a tal punto que neste momento dúas delegadas da CIG teñen aberto un expediente onde se lles acusa, nada menos, que de acoso laboral ascendente”.

“A quen pretende convencer a dirección de Enaire de que non poden descifrar o galego para atender as nosas solicitudes?”, sinala Pavón, quen cuestiona “que unha empresa gaste diñeiro público nun despacho de avogados privado para investigar traballadoras e non teña medios para atender unha solicitude por estar escrita en galego” e “incumpra abertamente as resolucións da Inspección de Traballo”.

A Mesa pola Normalización Lingüista xa ten denunciado estes feitos diante do máximo responsábel de Enaire, o ministro de Fomento, José Luis Ábalos.

A entidade en defensa da lingua solicita a Ábalos que “Enaire” corrixa esta situación e cumpra a lexislación que protexe os dereitos lingüísticos da cidadanía galega”. Tamén o insta a realizar “as oportunas pesquisas sobre o grao de incumprimento do ordenamento legal vixente en materia de normalización lingüística, por parte de Enaire”.

“Xa nos diriximos a Ábalos e ao responsábel de recursos humanos de Enaire para que se corrixa esta situación”, afirma a Nós Diario o presidente da Mesa pola Normalización Lingüista, Marcos Maceira, quen lembra que a “decisión está atentando contra o artigo segundo da Declaración Universal dos dereitos humanos e contra o dereito a traballar e  vivir en galego. Non é tolerábel que unha empresa pública se poña á cabeza de destrución dos dereitos lingüísticos”.

Comentarios