Concentración no aeroporto Rosalía de Castro

“Enaire non responde ás nosas solicitudes por estaren en galego”

A FGAMT-CIG realizou na mañá da sexta feira unha concentración no aeroporto Rosalía de Castro para denunciar “a vulneración de dereitos sindicais e lingüísticos tan básicos como o dereito á información, á representación sindical e ao emprego do noso idioma” por parte de Enaire, entidade dependente do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, e que conta cun centro de traballo no Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro.

Concentración diante da terminal do aeroporto Rosalía de Castro (Nós Diario).
photo_camera Concentración diante da terminal do aeroporto Rosalía de Castro (Nós Diario).

O representante da FGAMT-CIG, Inácio Pavón, puxo de manifesto no decurso da mobilización contra a discriminación do galego que sofren as traballadoras e traballadores de Enaire que “por denunciar situacións laborais graves as nosas representantes nesta empresa levan anos a sufrir represalias que son unha e outra vez desoídas pola dirección”.

Lembrou que no pasado, cando desde a CIG se solicitaba información, “contestábase con normalidade”, mais “a raíz de denunciar a situación laboral, os responsábeis da empresa comezaron a indicar que tardarían máis en responder porque entregábamos as nosas solicitudes en galego”.

Esta situación motivou que o sindicato acudise á Inspección de Traballo, que emitiu unha acta que apoiaba o uso do galego como lingua cooficial e obrigaba a empresa a atendelos igualmente.

Acusacións de acoso contra dúas traballadoras

“No canto de atender as solicitudes da CIG, desde este pronunciamento da Inspección de Traballo a dirección de Enaire tomou directamente a decisión de non respostar os nosos escritos”, afirma Pavón.

“A única resposta é solicitar que llos traduzamos para poder contestalos. A situación chegou a tal punto que neste momento dúas delegadas da CIG teñen aberto un expediente onde se lles acusa, nada menos, que de acoso laboral ascendente”, denuncia. 

Os escritos que reclamaba o sindicato versaban sobre cuestións como a limpeza e desinfeccións das instalacións ou sobre as quendas de traballo. O representante da FGAMT-CIG Compostela cuestiona “como pode ser que unha empresa gaste diñeiro público nun despacho de avogados privado para investigar traballadoras e non teña medios para atender unha solicitude por estar escrita en galego”. Tamén alerta do feito de que unha empresa pública “incumpra abertamente as resolucións da Inspección de Traballo”.

A Mesa pola Normalización Lingüística critica Enaire

Por outra banda, A Mesa pola Normalización Lingüística informou na mañá da sexta feira que a Inspección de Traballo vén de reprender Enaire por vulnerar o dereito dunha empregada a empregar a lingua galega no seu traballo.

"Ao tratarse dunha relación laboral que se formalizou na Galiza, para a prestación de servizos nun centro de traballo situado na Galiza", explica o informe de Inspección, "a traballadora ten dereito a usar o galego nas súas comunicacións verbais ou escritas".

Aínda que a empresa ten carácter estatal, ten situado o centro de traballo en Galiza e debe rexerse e acatar as normas sobre o uso de lingua, "con independencia de que a empresa decidise organizar a súa empresa centralizando o departamento de recursos humanos en Madrid". "Dita decisión organizativa empresarial", explica dito informe, "en ningún caso pode supor unha perda do dereito ao uso da lingua cooficial galega por parte da traballadora".
 

Comentarios