Expedientada na empresa pública Enaire por usar o galego

Denúnciao A Mesa pola Normalización Lingüística.

 

Interior do aeroporto de Lavacolla
photo_camera Interior do aeroporto de Lavacolla. (Foto: Arquivo)

Por "acoso ascendente" polo uso do galego no traballo, é dicir, por usar galego cos superiores. Eis o motivo, denuncian desde A Mesa, polo cal a empresa pública Enaire, antiga Aena dependente do Ministerio de Transportes e Mobilidade, vén de expedientar unha traballadora.

A Inspección de Traballo emitiu en xullo un requirimento laboral contra a empresa pública Enaire (xestor da navegación aérea) para que cese “o comportamento empresarial de maneira inmediata e continua” polos continuos “atrasos ou omisións na entrega de información só porque o escrito de solicitude vai en idioma galego”.

Porén, o resultado final é que agora denuncia A Mesa é o expediente por usar o galego. Desde esta entidade remitiron cartas ao ministro José Luis Ábalos, ao director de Enaire e á xefa de Recursos Humanos instándoos a unha rectificación. De non producirse esta, A Mesa advirte do inicio de mobilizacións na defensa do "dereito a usar o galego no posto de traballo".

Esta pasada sexta feira houbo unha concentración en Compostela no aeroporto Rosalía de Castro para denunciar “a vulneración de dereitos sindicais e lingüísticos tan básicos como o dereito á información, á representación sindical e ao emprego do noso idioma” por parte de Enaire, que conta cun centro de traballo no Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro.

O representante da FGAMT-CIG, Inácio Pavón, puxo de manifesto no decurso da mobilización contra a discriminación do galego que sofren as traballadoras e traballadores de Enaire que “por denunciar situacións laborais graves as nosas representantes nesta empresa levan anos a sufrir represalias que son unha e outra vez desoídas pola dirección”.

Comentarios