O Colexio de Xornalistas lembra que o xornalismo tamén é "esencial para a supervivencia do galego"
O 55,38% da poboación galega só le prensa en castelán, o 43,74% só escoita a radio en castelán e o 34,41% só ve a televisión en castelán.
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia expresou esta sexta feira a súa “preocupación” polos datos recentes sobre o uso do galego e reclamou medidas valentes de normalización para garantir que os medios cumpran co papel que “lles corresponde no mantemento desta lingua”, así como unha aposta polo xornalismo de proximidade.
Con motivo da celebración deste ano do Día dos Medios en Galego, o Colexio de Xornalistas considera “inevitábel” facer referencia aos datos publicados recentemente polo Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre o uso da lingua. Tras cinco anos desde o último estudo, a enquisa estrutural a fogares sobre o coñecemento e uso do galego confirma a “preocupante situación” cara á que viña apuntando a serie histórica. O galego xa non é a lingua predominante na Galiza e o seu coñecemento e comprensión está a recuar. Mesmo o tanto por cento de poboación que se considera capacitada para escribir en galego, que aumentara progresivamente nas enquisas anteriores, sofre un retroceso nesta última.
Perante estes datos, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lembrou esta sexta feira que o xornalismo en galego ten tamén un “papel fundamental para a supervivencia da lingua”. De feito, as cifras vólvense aínda máis preocupantes se atendemos o consumo de medios: o 55,38% da poboación só le prensa en castelán, o 43,74% só escoita a radio en castelán e o 34,41% só ve a televisión en castelán. Se sumamos os datos daquelas persoas que din consumir os medios máis en castelán que en galego, as porcentaxes soben até o 95,46%, 84,87% e 81,42%, respectivamente.
Estes datos, con todo, non sorprenden a Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas, “nun ecosistema mediático que, contra a realidade histórica da Galiza, tense desenvolvido de maneira moi maioritaria en castelán”. Para que os medios de comunicación galegos se parezan máis lingüisticamente á sociedade que queren reflectir, “son necesarias políticas valentes que regulen dunha maneira efectiva as axudas, e mesmo a concesión de publicidade institucional, para potenciar que o xornalismo en galego sexa unha realidade e non só unha anécdota entre as páxinas e minutos de información en castelán. E, por suposto, que non se dean pasos atrás en modelos que se demostraron de éxito na información en galego”.
Por último, desde o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lembran que o desenvolvemento da información en galego está tamén ligado á información de proximidade, un tipo esencial de xornalismo que “periga ante os recortes e as distintas crises no sector da comunicación”. “Potenciar os medios locais, as delegacións e o emprego de xornalistas nas cidades e vilas é tamén unha maneira de loitar polo mantemento da lingua. E por uns medios que representen mellor á sociedade galega”, conclúen.

