A Xunta presenta os resultados dunha enquisa que ignora a crise do galego

En outubro, poucos días despois de que o Instituto Galego de Estatística (IGE) publicara un informe que certifica a perda de falantes de galego –maioritariamente entre a mocidade–, a Xunta da Galiza encargou unha enquisa a Sondaxe sobre a percepción social do galego. O Goberno galego presentou esta quinta feira os resultados. O documento recolle a opinión de só 1.200 persoas.
Manuel González, José López Campos e Valentín García presentaron esta quinta feira a enquisa. (Foto: Xunta da Galiza)
Manuel González, José López Campos e Valentín García presentaron esta quinta feira a enquisa. (Foto: Xunta da Galiza)

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o secretario xeral de Lingua, Valentín García, entregaron  ao coordinador do Plan xeral de normalización da lingua galega, Manuel González, os resultados da Enquisa sobre a percepción social do galego –elaborada por Sondaxe–, os cales serán remitidos ás comisións deste plan "como ferramenta de traballo co obxectivo de ampliar o actual coñecemento sobre o uso e presenza do galego na sociedade". 

O conselleiro precisou que, segundo o estudo que foi encargado a Sondaxe, "só 30% das familias manifesta que os mozos prefiren usar só o castelán e que a maioría emprega indistintamente o galego, o castelán ou outras linguas nas súas interaccións". Así mesmo, este documento tamén sinala que 67,5% das familias enquisadas afirman que os mozos e as mozas da Galiza "empregan a lingua galega de forma cotiá".

Desta maneira, López Campos defendeu que o galego "é un idioma amplamente coñecido entre os nenos e nenas". Con todo, o IGE publicou en outubro os datos sobre o coñecemento e uso do galego en 2023, procedentes dun estudo elaborado a partir de 9.200 enquisas, o cal sinala que 53,6% da poboación de entre cinco e 14 anos se expresa sempre en galego e sitúa o castelán como lingua máis falada habitualmente a nivel galego. 

Por contra, o documento presentado esta quinta feira trátase dun estudo composto por só 1.200 enquisas a familias residentes na Galiza con crianzas en idade escolar nas etapas de primaria e secundaria. Ademais, as enquisas realizáronse entre o 22 de outubro e o 27 de novembro de 2024, polo que comezaron a facerse tan só 11 días despois da publicación do estudo do IGE.

O informe do IGE 

A Consellaría defende, en base ao estudo que presentou esta quinta feira, que "os resultados tamén reflicten a cordialidade entre ambas  as linguas e a boa actitude cara ao uso do galego ou o castelán". Porén, o informe publicado polo IGE en outubro sinala que 29,6% das persoas que residen na Galiza falan sempre en castelán –esta cifra era en 2008 de 20,2%, en 2013 de 26,2% e en 2018 de 24,4%–, e que malia a lixeira recuperación de galegofalantes entre 2008 e 2013, os datos destacan un aumento de castelanfalantes de máis de nove puntos porcentuais nun período de só 15 anos.

Así mesmo, o estudo do IGE amosa que 53,6% da poboación de entre cinco e 14 anos e 43% da faixa de entre 15 e 29 afirma expresarse sempre en castelán, 24,1 e 17,6 puntos porcentuais máis que en 2008. Pola contra, o informe sinala que só 7% da poboación entre cinco e 14 anos asegura falar sempre en galego, chegando esta cifra a 11,9% para as persoas entre 15 e 29 anos, o que representa uns descensos de 8,2 e de 6,6 puntos en relación ao ano 2008.

Neste contexto, segundo os datos fornecidos polo IGE o pasado mes de outubro, 70.891 mozos e mozas de entre cinco e 14 anos, isto é 32,4% desa faixa de idade, recoñeceron en 2023 a súa imposibilidade para expresarse en lingua galega.

Queremos Galego critica a "realidade alternativa" dun "estudo a medida"

A plataforma Queremos Galego afirmou esta quinta feira, tras a publicación do estudo encargado polo Goberno galego sobre a percepción social do idioma, que hai "preocupación na Xunta e na Secretaría Xeral da Lingua pola mobilización a prol do galego" que terá lugar o próximo 23 de febreiro.

"Encargan un estudo de realidade alternativa con conclusións a medida", sinalou a plataforma, que tamén destacou que "nin así poden negar que 70% das crianzas que entran na escola falando galego saen falando castelán", que "o galego está limitado no ensino"e que "só 0,6% dos xogos e xoguetes e só 0,9% de oferta audiovisual están en galego".

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, en declaracións a Nós Diario, salientou esta quinta feira que "á Xunta non lle gustan os datos oficiais sobre o galego e por iso encargou un estudo para desmentir a realidade". Por outra parte, engadiu, "permítense ademais engadir opinión de colleita propia como a suposta cordialidade ou a inexistencia de discriminacións lingüísticas".

"É inmoral que en vez de pór todos os recursos da Xunta en conseguir que o galego estea en todos os espazos e para todos os usos, a Xunta se estea a dedicar exclusivamente a fabricar unha realidade alternativa para evitar a mobilización social que se está a producir", concluíu Maceira.

Comentarios