Bueu promove unhas xornadas sobre o galego no audiovisual

Imaxe de arquivo da presentación dunha campaña da Mesa. (Foto: Europa Press)

O obxectivo deste proxecto, que leva o nome de “Bueu e a fala”, é analizar a situación do idioma da Galiza en distintos ámbitos ao longo dos anos. As actividades da primeira edición decorrerán ao longo desta semana.

O Concello de Bueu impulsa a partir desta semana as xornadas “Bueu e a fala”, un punto de encontro para analizar nesta edición e no futuro “a situación da lingua galega en diversos ámbitos”. Nesta estrea debaterase sobre a presencia do idioma no audiovisual.

“As concellerías de Cultura e Normalización Lingüística decidiron aproveitar a boa saúde do audiovisual galego e a estrea do filme Ons de Alfonso Zarauza para deseñar unhas xornadas que poñan en valor o galego como lingua de creación nun sector moi relevante a nivel internacional como é o audiovisual do noso país”, explicaron esta segunda feira fontes municipais.

As actividades comezarán esta quinta feira, 10 de decembro, cunha conversa virtual que se poderá seguir a través das contas de Youtube e Facebook do Concello. Baixo o título “A saúde do galego no audiovisual” fornecerán as súas interpretacións a cineasta Anxos Fazáns -que vén de exercer de axudante de dirección de Margarita Ledo para a película Nación-; o xornalista e director de cinema, Alberte Mera; a actriz Bea Campos e o director e guionista X. Henrique Rivadulla.

A sexta feira, tamén ás 20.30 horas, as redes serán para falar co director Alfonso Zarauza que filmou Ons na illa do mesmo nome, pertencente ao municipio, o ano pasado.

O sábado ás 12 horas o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceiras, presentará na vila a iniciativa lexislativa popular que se quere levar ao Parlamento para a creación dunha canle de debuxos en galego as 24 horas do día. O Xabarín é a imaxe representativa desta acción.

Zarauza e Mera

Xa ás 19.00 horas, no Centro Social do Mar, decorrerá a pre-estrea de Ons. Haberá un sorteo de entradas entre as persoas que envíen desde hoxe e até a sexta feira preguntas para facer nas conversas virtuais. A dirección de correo electrónico habilitada é comunicacion@concellodebueu.gal.

Esta primeira sesión falando do galego no concello rematará o domingo co pase da cinta Reboiras, acción e corazón, dirixida por Alberte Mera. A proxección será no Centro Social do Mar ás 18.00 horas.

Respecto a citas futuras, o concelleiro de Normalización Lingüística, Agustín Gallego, concretou que este programa nace coa vontade de ter percorrido.

“Co galego podemos chegar a todas partes e demostrar que pode estar presente en ámbitos xa non só de creación cultural, senón tamén no comercio, no urbanismo, nas tecnoloxías, no deporte...”, reflexionou.