venres 30/10/20
Cinema

O filme 'Ons', de Alfonso Zarauza, estréase no Festival de Sevilla

O quinto filme do director inaugura con outros 13 títulos a sección Special Screen, con obras que suman á calidade cinematográfica a vontade de chegar a un amplo número de espectadores.
Fotograma de 'Ons', de Alfonso Zarauza.
Fotograma de 'Ons', de Alfonso Zarauza.

Ons, a quinta longametraxe do cineasta compostelán Alfonso Zarauza, terá a súa estrea mundial no Festival de Cine Europeo de Sevilla (SEFF), que transcorre do 6 ao 14 de novembro.

Será na chamada Special Screen, unha nova sección competitiva que abre este ano o evento con 14 títulos que suman á súa calidade cinematográfica a vontade de chegar a un amplo número de espectadores.

Protagonizada por Melania Cruz e Antonio Durán 'Morris', Ons é un drama con toques de misterio no que un matrimonio en crise, que trata de salvar a súa relación vivindo unha temporada na illa de Ons, cruza o seu destino co dunha muller amnésica que aparece naufragada na praia. Completan o reparto Xúlio Abonjo, Marta Lado, Anaël Snoek, Miguel de Lira, Diego Anido, Montse Martínez e Cris Iglesias.

Este quinto traballo súmase á traxectoria dun dos cineastas galegos máis sólidos e experimentados, logo de pezas como A noite que deixou de chover (2008), Encallados (2013), Os fenómenos (2014) e A viaxe dos Chévere (2014).

O director compostelán presenta con Ons un filme de madurez, intimista e cunha profunda mirada autoral, no que destaca tanto o que non se conta como o que se di, remarcado coa paisaxe da illa como escenario da intemperie emocional dos protagonistas.

O filme foi rodado por enteiro na illa de Ons no outono de 2019 e conta cun equipo artístico e técnico 100% galego liderado por Zarauza -que ademais asina o guion canda a Jaione Camborda- con talentos tan consolidados como o de Alberte Branco na dirección de fotografía, Elia Robles na dirección de arte, Sérgio Silva e David Machado na dirección de son ou Xavi Font na produción executiva. A banda sonora contén temas dos grupos Chicharrón e Leilía.

Non chegará a salas até comezos de 2021

Xunto a Ons, estarán no mesmo apartado do Festival de Sevilla outras longametraxes de países como Reino Unido, Bélxica, Francia, Irlanda ou Dinamarca. Será a votación do público a que decida o premio desta nova categoría, dotado con 10.000 euros.

Coa súa premiere no SEFF a longametraxe Ons arrinca o seu percorrido en festivais e o camiño cara á estrea en salas comerciais, prevista para comezos de 2021.

comentarios