A canle tería unha programación atractiva, actual, educativa e de produción galega dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñíbel en todas as plataformas dixitais, así como nunha App actualizada que conteña ademais programas e xogos.
A proposta -que se tramitará ao longo dos próximos meses- tamén instará a adoptar as medidas e accións precisas para garantir a opción dobrada e lexendada ao galego nas plataformas dixitais e que TVE emita con opción dobrada ao galego todos os contidos da súa canle infantil e xuvenil e da súa app para o público infantil.
O Goberno galego, informa a Mesa, deberá tamén adoptar as medidas necesarias que permitan a recepción mutua RTP-TVG en Galiza e Portugal, segundo o contemplado na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias.
A asociación decidiu dar o paso despois de que a solicitude dunha canle e unha app que emitan continuadamente contidos para a infancia e a mocidade galega lograse na rede perto de 8.000 sinaturas en catro días.
Faino, ademais, porque considera "alarmante" o retroceso da presenza da lingua na programación televisiva.
Só a CRTVG, di, garante a súa presenza na grella televisiva, mais faino de forma cativa e mínima, malia o estabelecido na lexislación sobre o audiovisual e malia as enormes posibilidades técnicas actuais que poderían aumentar as emisións en galego", recolle nun comunicado.