A Xunta topa de novo co galego: "Recientemente produciuse por error"

Encabezado do correo enviado pola Xunta. (Foto: Nós Diario)
O Goberno galego remite un correo electrónico para alertar dun erro no sistema de envío masivo e volve escribir de forma incorrecta varias palabras da lingua propia do país. Estes problemas da Administración pública da Galiza non deixan de chamar a atención das e dos cidadáns.

Algunhas galegas e galegos atopáronse esta sexta feira nas caixas de entrada dos seus correos electrónicos unha comunicación da Xunta. Quizais incluso chegaron dúas mensaxes da Administración.

A primeira misiva dixital foi enviada por erro e a segunda apareceu nalgunhas contas para desculparse polo incidente.

O episodio non tería pasado de aí se non fora porque varias persoas repararon en que o Goberno volveu mesturar galego e español en comunicacións oficiais que deberían respectar a lingua da terra.

Así, no corpo do email explicouse que "recientemente produciuse por error" en lugar de "recentemente produciuse por erro".

Outro exemplo de que a Xunta bate co idioma da Galiza é que tanto no asunto como dentro do texto indica "anulación de oficio da solicitud", na que prefire "solicitud" á forma aceptada pola Real Academia Galega (RAG) "solicitude".

A forma aceptada para o galego sería "desculpe" no lugar de "disculpe", como fecha a Xunta a súa comunicación.

Mesmo se pode detectar algunha carencia de til.

Isto acontece apenas uns días despois de que Nós Diario denunciara que páxinas web institucionais da Xunta da Galiza reproducen un grave erro para informar dunha exposición. "Como che imaxinas a Galicia futura?", figuraba nunha campaña recollida en turismo.gal, en caminodesantiago.gal e mesmo en cultura.gal.