Un informe do Consello da Cultura corrobora a discriminación da muller no audiovisual e as artes escénicas galegas

O traballo sobre a situación laboral da muller no sector realizado con datos estatísticos e entrevistas aponta unha fenda de xénero: maior precariedade laboral feminina, a idade como unha barreira para elas e non para eles, ou a persistencia de casos de acoso laboral e sexual. 

Teatro Principal de Compostela (arquivo).
photo_camera [Imaxe: Cedida]: Teatro Principal de Compostela

Esta terza feira 8 de outubro presentouse no Consello da Cultura Galega (CCG) un informe sobre A situación das traballadoras do sector audiovisual e das artes escénicas en Galicia. O traballo realizouno Observatorio da Cultura Galega a petición de varias organizacións do sector e como encargo da Xunta da Galiza. Os resultados poñen en evidencia as desigualdades existentes nestes ámbitos laborais, algo que xa intuían as entidades profesionais. Para o desenvolvemento da investigación empregáronse datos da Seguridade Social e vidas laborais profesionais de 20 mulleres e 20 homes.

As súas conclusións parten da importancia dun sector, o cultural, que medrou dun xeito moi importante nos últimos anos: o conxunto das traballadoras e traballadores que están nel supoñen 3,5% do total do emprego.

O responsábel do Observatorio da Cultura Galega e autor do informe, Håkan Casares Berg, explica a Sermos Galiza que o primeiro dato a salientar é que “no sector audiovisual e das artes escénicas o número de homes é máis elevado, 58%, cando no sector das artes escénicas a presenza da muller é só de 37%”. O estudo do Observatorio constata tamén que as mulleres foron as máis afectadas na época da crise de 2008.

Máis precariedade laboral

O sector da cultura singularízase no noso país pola precariedade laboral mais se afondamos nel por cuestións de xénero as evidencias van máis alá. No audiovisual e as artes escénicas, malia coincidir en contratos temporais e altas esporádicas, os homes traballan e períodos máis prolongados, mentres que entre as mulleres é habitual períodos curtos.

O informe indica que “no sexo masculino destaca un 21% con máis de dez anos de traballo no sector, fronte a 11% de mulleres” polo que “os homes acumulan máis tempo traballado”.

A idade importa

Os períodos de contratación, polo tanto de cotización, tamén son diferentes entre homes e mulleres. “No audiovisual as mulleres traballan máis tempo cando son novas, até 35 anos de idade, mentres que os homes traballan durante máis tempo a partir desa idade”.

Na súa vida laboral “nas mulleres obsérvase que a partir dos 55 anos teñen máis dificultades de acceso ao traballo.” Mentres nas artes escénicas, as mulleres de 45 a 55 anos teñen máis tempo traballado que os homes, a partir dos 55 anos os homes acumulan unha media de horas superior.

Discriminación por capacidades e ingresos

As traballadoras que participaron neste estudo “comparten o sentimento de discriminación respecto ao recoñecemento e ás súas capacidades”. Sinalan que “un dos sectores en que isto é máis patente é o técnico, onde se favorece que os homes realicen certas tarefas”. Tamén indican que “as mulleres que ocupan postos de poder adoitan ser emprendedoras”.

Ademais da dificultade de acceso a estes postos de traballo as mulleres, caso das actrices galegas, “non só acceden a un menor número de papeis, senón que estes son máis curtos e estereotipados e tamén de menor categoría”.

Casares Berg indica a Sermos Galiza que “en xeral, percibiuse unha tendencia a que os ingresos das mulleres fosen inferiores”.

Conciliación, acoso laboral e sexual

Outras problemáticas que viron a luz neste traballo a través das entrevistas do Observatorio son a conciliación da vida laboral e familiar na que se denuncian “xornadas laborais, moitas veces non susceptibles de redución e a falta de estruturas e axudas para a conciliación”.

Nestas entrevistas denunciáronse “casos de acoso laboral e sexual de diferente gravidade en ambos os sectores”. Entre as primeiras figuran “presións, descrédito, desprezo verbal e incluso insultos”. Entre os segundos “comentarios sexistas, toma de fotografías ou vídeos sen permiso e tamén abuso de poder”.

Casares Berg apunta, como conclusión final, que “este estudo permite constatar que entre este sector profesional se aprecia unha lixeira evolución en canto á perspectiva de xénero no sector das artes escénicas e no audiovisual, que pasa pola concienciación da sociedade”.

Comentarios